Malo para España

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

27 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Que o ministro de Economí­a Luis de Guindos non fose nomeado presidente do Eurogrupo interpretouse maioritariamente como un revés para o PP, e recibiuse con gran xúbilo polos partidos da oposición. Sen dúbida, algo malo para o Goberno e sobre todo para Rajoy, que neste caso abandonou a sua postura de calar e esperar para lanzarse a dar por certo o que era aínda, como se viu, incerto. Foi un grave erro porque, se tivese utilizado a proverbial prudencia do galego, o «pode que sexa e pode que non sexa», hoxe estariamos a falar dunha disputada votación e non de fracaso, xa que, ben mirado, un resultado de nove/dez indica que competimos ao nivel máis alto e que estivemos a un tris de gañar. Pero o peor do asunto é que España e non só o Partido Popular quen perdeu. De Guindos pertence aos PIG e o Eurogrupo preferiu, aínda que fose por un voto de diferenza, un «do Norte», malia que iniciou o seu mandato cun erro dos que fan historia. Esta situación mantense porque PSOE e PP antepoñen os seus intereses partidistas ao ben comun español. O PSOE votou contra Arias Cañete no Parlamento Europeo e non fixo nada para apoiar a candidatura de Luis de Guindos. E o PP fártase de descualificar os socialistas en postos internacionais. Non son boas posturas. Ou remamos todos na mesma dirección ou non saí­mos do remuiño.