Unhas veces se gaña, outras se perde

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

19 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras perder as eleccións á presidencia dos Estados Unidos no ano 2000 fronte a George Bush (junior), Al Gore desapareceu e viaxou por Europa, «deixouse barba de montañeiro e gañou peso». Cando reapareceu en público adoitaba presentarse dicindo: «Ola, son Al Gore. Antes era o próximo presidente dos Estados Unidos». Non debeu resultarlle fácil superar a súa derrota, agónica e tras o famoso reconto das papeletas bolboreta en Florida, estado no que era gobernador o irmán pequeno do seu rival, porque Al Gore foi o candidato demócrata que máis votos obtivera en ningunha elección á presidencia, e o candidato de todos os partidos máis votado na historia da democracia americana coa única excepción de Ronald Reagan no ano 1984. Por iso, e despois de presentarse como o «ex próximo presidente», engadía: «Xa coñecedes o vello dito, unhas veces se gaña, e outras se perde; e logo está esa terceira categoría pouco coñecida».

Tan pouco coñecida é a existencia de terceiras categorías, que ninguén tivo dúbidas sobre quen fora o vencedor da final da Rogers Cup, o campionato de tenis de Montreal, do ano 2007. Foi a primeira vez que un xoven Novak Djokovic venceu ao entón número un mundial, Roger Federer. Tras superar varios puntos de set en contra na primeira manga, Djokovic gañouna por 7-6. Federer reaccionou, e meteulle un 6-2 no segundo set. No terceiro, e tras chegar outra vez empatados a 6 xogos, o serbio venceu novamente ao suizo no tie-break. Todos, incluído Federer, felicitaron ao gañador, que amosou a súa alegría tras recoller os 400.000 dólares do premio e ter derrotado ao daquela mellor xogador do mundo. Loxicamente, ninguén cuestionou a primeira vitoria do serbio sobre o suízo, nin cuestionou o feito de que o perdedor en realidade gañara en total máis xogos (18) que o vencedor (16).

Nin Gore, nin Federer, nin a clase política americana nin os directivos das organizacións mundiais do tenis cuestionaron os resultados que se produciron nas eleccións do 2000 ou na final de Montreal; nin, o que é máis destacable, promoveron a modificación das regras aplicables á elección presidencial ou ao reconto dos xogos no tenis. E elo con independencia dos resultados aparentemente contraditorios das dúas situacións que se mencionaron, ou das súas consecuencias. Porque mentras que a final de Montreal deu comezo a unha das rivalidades máis intensas e interesantes da historia do tenis; o resultado das eleccións presidenciais de 2000, como afirma David Remnick no moi recomendable libro Reportero, que acaba de traducir ao castelán a editorial Debate (e do que se tiran as anteriores frases entrecomiñadas sobre Gore), condicionou o devir da historia mundial máis recente: nunca saberemos que tería pasado se tivese sido o ecuménico Gore e non o máis fundamentalista Bush o presidente que afrontou os atentados das torres xemelgas do 2001. 

Probable e non se sabe se conscientemente, porque tanto a clase política americana, Gore incluído, como o mundo do tenis, sen excluir a Federer, saben que a estabilidade das normas que rexen os recontos das competicións nas que participan contribúen, en ámbolos casos, a lexitimar os resultados e fidelizar ao público coa democracia e co deporte que defenden. Aínda que só sexa polo feito de que tanto as normas electorais como o regulamento do tenis tenden a ser complexos de entender, e por elo non convén mutalas salvo que haxa un amplo e xeneralizado consenso ao respecto. Con toda seguridade hai mellores sistemas para sumar votos que nas eleccións presidenciais norteamericanas; ou para contar os puntos que no ilóxico método do tenis. Pero tanto a democracia americana como o orixinariamente aristócrata deporte inglés son exemplos de éxito, tanto de crítica como de público. Quizais sexa simplemente porque por moi imperfectas que sexan as súas regras permiten que, como resulta tan habitual na vida, unhas veces se gañe, e outras se perda.

Pedro Puy é portavoz do PP no Parlamento de Galicia