Universos ocultos?

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 11:44 h.

Colla un clip e arrímelle un pequeno imán. Verá como queda pegado a el. Ese imán é capaz de vencer o tirón cara abaixo que todo o noso planeta exerce sobre o clip, demostrando que a intensidade da forza da gravidade é menor que a da forza de natureza eléctrica e magnética. Cantas veces menor? Pásmese: un trillón de trillóns de veces menor! Por que hai tanta diferenza? Esa mesma pregunta fíxoa hai 20 anos a norteamericana Lisa Randall, que estivo esta semana visitando Galicia. Ela, considerada a física máis influente do mundo, deu unha resposta creativa: o universo de catro dimensións que coñecemos (tres do espazo máis unha do tempo) está separado doutros universos por unha quinta dimensión. Non vemos eses outros universos porque a luz non chega a eles (ou sexa, os fenómenos eléctricos e magnéticos non son capaces de atravesar esa quinta dimensión); pero a gravidade si que pode facelo, e por iso esa forza é tan feble: porque se reparte entre todos eles, sendo máis forte nuns ca noutros. Eses universos poderían estar ao noso carón, xa que esa quinta dimensión podería ser pequena. Pense nun cable dun equilibrista: para el é unha liña (só pode ir adiante-atrás), pero para unha formiga é unha superficie (engade a posibilidade de ir aos lados), e para unha bacteria as rugosidades do cable serían montañas (engadindo unha terceira dimensión: movemento arriba-abaixo). Como ver os efectos desa quinta dimensión? Baixando moito na escala de tamaño (por exemplo en experimentos no CERN).