Nova cita en Trasalba

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

28 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo todos os sábados a meu amigo Miguel-Anxo Murado. Onte falaba nestas páxinas dos castiñeiros, e citaba a don Ramón (para nós, don Ramón é sempre don Ramón Otero Pedrayo, non hai outro) que dicía que para el o castiñeiro era unha árbore románica. Hai unhas semanas falaba da casa de Rosalía de Castro, en Padrón, e citaba a figueira. «A figueiriña que prantei?», nos versos da autora. Figueiras e castiñeiros, dos que tamén gustaba Castelao: as vellas caracochas, cargadas de experiencia e misterios. O de Pondal, xa se sabe, eran os pinos. A cerna do carballo é máis ben da xente do interior: Noriega Varela, Crecente Vega, Manuel María? Cunqueiro amaba as abidueiras, o bosque de ribeira? Está ben isto de poñer unha árbore ou unha flor á poesía. As rosas son renacentistas. Os modernistas cantaban os nenúfares. Os románticos, as camelias.

Un ano máis volvemos a Trasalba, a casa grande de don Ramón, para celebrar a plenitude da primavera, cargada de enerxía, e as candeas dos castiñeiros inzan de perfume os soutos de Cimadevila. Nesta ocasión, homenaxeamos a un veciño destas terras: o pintor Antón Pulido Novoa (Bóveda de Amoeiro, 1944), a quen entregamos hoxe o premio Trasalba, que vai pola XXXIII edición. ¡Trinta e tres anos convocados pola memoria do Patriarca! O escultor Manuel Buciños deseñou a figura en bronce do autor de Os camiños da vida, Arredor de si, A lagarada, símbolo daquel pulo irrepetible que foi a Xeración Nós (Castelao, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas?), na cal representamos o recoñecemento á persoa premiada. Ata hai pouco o agasallo era unha xerra ou deseño de Isaac Díaz Pardo, mais desde que que este nos deixou dispoñemos da xenerosidade de Buciños.

Non é a primeira vez que o digo. Na xeografía simbólica da cultura galega hai dous espazos que teñen unha significación especial: a casa de Rosalía de Castro en Padrón, que simboliza o Rexurdimento das nosas letras no século XIX: Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez, Manuel Murguía, Valentín Lamas Carvajal , capitaneados pola autora de Cantares gallegos; e a casa de Otero Pedrayo en Trasalba, memoria de Xeración Nós, sen dúbida o grupo que con máis ambición, intelixencia e xenerosidade construíu un proxecto de futuro para a nosa cultura, con identidade propia, sen dependencias nin complexos: Galicia, célula de universalidade, en certo modo un segundo Rexurdimento. Estes dous espazos deben ser considerados dous territorios simbólicos a manter (coa máxima dignidade) e a visitar. Hai outros, afortunadamente. Pero nestes habita unha forza especial, unha enerxía oculta que Murado representaba na figueira rosaliana e eu evoco no perfume dos castiñeiros.

Ramón Otero Pedrayo foi o primeiro padriño de Antón Pulido, autor do texto que presentaba en Ourense unha das primeiras exposicións do pintor de Bóveda de Amoeiro. Saudaba daquela a presenza dun rapaz novo (28 anos), que empezaba, e saudaba en certa maneira o pulo dos novos tempos, no que tanta esperanza poñía. Enerxía e esperanza, que tanto necesitamos.