Mareas, resacas e lagarteiras

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

24 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

N on todas as mareas teñen resaca: ten que haber mar de fondo e acabar de encher. Ás mareas políticas que encheron ata chegar ás alcaldías de varias cidades hai agoireiros que lles auguran resaca antes de encher de todo. Certo que despois das tomas de posesión, os xestos e frases simbólicas que emocionaron aos seus partidarios e atoaron prazas como María Pita, virán as lóxicas da xestión, as reclamacións insatisfeitas e a acción opositora que compre en democracia. Certo que o PP, danado no seu poder e preparando xa as eleccións xerais, en canto se recupere será un formidable adversario capaz de facer asomar todas as contradicións posibles e imposibles. É dunha eficacia demostrada facendo aflorar no adversario as incongruencias que os seus votantes (os da esquerda) non perdoan. Nada ten de malo máis que a revelación da propia debilidade cultural da esquerda. A novidade é que ademais do PP outros dous partidos, cando menos, estarán pendentes de sinalar e provocar erros nos novos gobernantes. Unha boa nova para a democracia, en todo caso, que ven de gañar pluralidade.

As mareas cidadás poden converterse en lagarteiras, que é como chaman nas Mariñas ártabras ás mareas vivas de setembro. Moitas voces están a pedilo nestes días, sumadas ás que hai meses chamaron a atención sobre a posible desaparición das forzas de obediencia galega no próximo Parlamento español. As perspectivas mudaron de vez co resultado das municipais e a enerxía das mareas moi ben podería darlle a volta a ese temor. Un temor ben realista, derivado da evidente incapacidade do BNG para revalidar no novo escenario político a representación en Madrid, lograda antes de que a maioría do Bloque abandonara á UPG en Amio no 2012. As mareas, imitando a acumulación de forzas que deu os resultados máis exitosos, son quen de plantexarse un reto que hai pouco parecía quimérico: un grupo parlamentario galego no Congreso e outro no Senado para decidir alí onde se vai debuxar o futuro do Estado.

Para que iso aconteza teñen que mudar as claves nas que se moveron dende a transición as forzas políticas galegas alleas ao bipartidismo, empezando por cederlle o protagonismo aos cidadáns. Despois de catro décadas está a cambiar a idea e a definición de fronte como unidade, a prol da idea de pluralidade en común; a lóxica da vangarda galeguizadora, entendida como minoría selecta ou como vangarda de activistas a tempo completo, en favor dunha maioría civicamente galega; os lindes estritos entre o nacionalismo e todas as outras formas de entender con voz propia un país de seu, que poden atoparse cómodas definíndose como simplemente galegas; a forma de diálogo cunha sociedade que daquela era democraticamente tan inmatura como os seus interlocutores, fronte a esta na que a metade dos votantes naceron despois de 1970. As estruturas esváense mentres as ideas prosperan nunha situación líquida de novos actores e moitos novos axentes. Nesta conxuntura a resistencia deixou de ser a pauta, substituída pola autoestima e o somos quen.