Secuestros de Oriol e Villaescusa

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

20 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

SIRO

O 11 de nadal de 1976, catro días antes do referendo para a aprobación da Lei para a Reforma Política, os Grapo secuestraban a Antonio María de Oriol y Urquijo, presidente do Consello de Estado. O 14, o presidente Adolfo Suárez dirixiuse aos españois a través de TVE para pedir que acudisen ás urnas e apoiasen a reforma, e comprometeu a súa autoridade en impedir que a violencia conseguise impoñerse ao Estado de Dereito. O referendo foi un éxito para o Goberno, pero ás once da noite do día 17 remataba o prazo que os Grapo deran para liberar ou executar a Oriol, e o ministro de Gobernación, Rodolfo Martín Villa, leu en TVE, tres minutos antes, un comunicado breve e ambiguo, que os Grapo interpretaron como un compromiso de cumprir as súas esixencias.

O 24 de xaneiro os Grapo secuestraron ao tenente xeneral Villaescusa, e o 30 Martín Villa nomeou xefe da Brigada Operativa Antiterrorista ao comisario Roberto Conesa, coñecido «caza roxos», que o 11 de febreiro conseguiu liberar os dous prisioneiros e deter os secuestradores. Naquela operación policial tivo unha importante actuación o inspector Antonio González Pacheco, coñecido como Billy el Niño, de ingrato recordo para os activistas antifranquistas.