Unha boa oportunidade

OPINIÓN

08 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

É mesmo sorprendente o moito que a uns e a outros lle custa dixerir a nova situación política que as recentes eleccións debuxaron. Lonxe de encararse con ela volvemos ao de sempre: meterlle medo á sociedade, facer trampas para seguir amarrados ao cargo, recorrer á descualificación e ao todo vale.

No medio de tanto rebumbio e disparate un agradece as palabras repousadas, xustas e intelixentes de Xavi: as autoridades tiñan que preocuparse máis polas causas que moven á multitude a pitar o himno español que por reprimir a esta. Esa é a améndoa. Pero, para eses fins, cómpre a política. E facer política é o que non se fixo, non se fai e xa non sei se se fará algún día no país de Esperanza Aguirre.

Porque este é o momento de poñerse a facer política, e non é mala cousa empezar a facela xusto por abaixo, polos concellos. Porque boa falta lle fará ás novas opcións que agora chegan á política ir rodándose na vida municipal, pactar, escoitar, saber perder un pouco para gañar no principal, ter paciencia, moita paciencia... sempre no exercicio do sentido común a prol da cidadanía.

Cómpre ter moi claro que hai o grave risco de defraudar a unha sociedade que fixo entrar aire fresco na política. E non se pode esquecer -non deberan esquecelo aqueles que sexan concernidos- que moitos dos que agora chegan á política carecen de toda experiencia de xestión, de toma de decisións, de goberno.

Pero non importa: a experiencia conséguese experimentando. Non hai outra maneira. Pero hai que facelo tendo en conta o mandado recibido: ese é o que non se pode traizoar nunca: é a novidade á que o proceder dos novos políticos por forza se deberá axustar. É a grande oportunidade. Non aproveitala sería un inmenso fracaso político, unha perda irreparable.