O sexo dos anxos

La Voz CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

04 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Rusia, 2018. Iker e Messi, sentados na sala de agarda, parolan en voz baixa sobre as corruptelas da FIFA e sobre os traxes de Armani que adoitaba levar Blatter, aquel presidente perpetuo da institución. «A min quédanme mellor», di Messi. «Ti es moi atrevido», retruca Iker, «eu non me vería con aquel teu traxe de purpurina para recoller o Balón de Ouro». «É que ti nunca vas levar un deses, querido». Están nerviosos.

Pásalles sempre. Desde hai un par de anos, sempre hai alguén que dubida por faceren anuncios de champú e vestir eses traxes rechamandeiros. Se cadra, é que teñen demasiada proxesterona no corpo, díxolle un día un médico do Real Madrid a Iker, e logo engadiu: «Chorar coma unha nena cando erguías a Copa do Mundo do 2010 tampouco che axudou». El resignouse. Desde aquela sabe o que lle toca: esperar nesta sala. Ademais, en secreto, Iker recoñece que ten complexo: no vestiario ten visto cousas descomunais, e a del é modesta. Unha vez Messi confesoulle que lle pasaba un pouco o mesmo, pero que o consolaba moito ser o mellor xogador do mundo. «¿E ti que fas cando estás aí cos pantalóns baixados?». «Fixo a vista no esqueleto». «Ben pensado». Silencio. «Oes, ¿de quen foi a idea esta de facernos probas de sexo para poder xogar competicións internacionais?». «Das tías. A elas facíanllelas antes e dicían que era humillante. Armaron unha boa lea». «¿E a elas por que llelas facían?». «Porque eran tías». «E se sabían que eran tías, ¿que necesidade había de mirarlles o sexo?». Silencio. «Porque eran tías». O médico abre a porta. ¿Quen quere entrar primeiro? Unha lagrimiña de indefensión percórrelle a faciana a Iker Casillas.

¿Imaxinan?