Trastornos alimenticios

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días estoulles moi sensible coas cousas da saúde. Debe ser polo da lea que se está armando co da vacina da meninxite... Lía o outro día nunha destas páxinas o artigo de Manuel Blanco, falando en primeira persoa da enfermidade, e encollíaseme o corazón. Hoxe volvo facelo. Unha foto chama gravemente a miña atención nunha web.

A imaxe corresponde a Rachael Farrokh, unha actriz que mide 1,73 e pesa pouco máis ca 20 kilos. Si, están no certo. Sofre de anorexia. Dende hai máis dunha década intenta loitar contra ela, pero polo aspecto que presenta, determinamos que non foi capaz. Os trastornos alimenticios son moi perigosos. Non só por caer neles. Atérrame máis poder desprenderse deses prexuízos logo. Con todo, despois de tanto tempo, polo menos o primeiro paso puido dalo, que é o de ser consciente de que ten un problema. Pero ás veces, como neste caso, é excesivamente tarde. E iso que ten 37 anos! Precisa axuda, pero vista a gravidade na que se atopa, e a complicación da súa doenza, practicamente irreparable, só un hospital está disposto a tratala. Por riba, todo se volve en contra, e o prezo do tratamento é desorbitado. Rachael apela agora á solidariedade. Á colectiva. Contou o seu problema e divulgouno na rede a través dun video. Poden facerse a idea de chegar ao extremo de pedir clemencia para a propia vida? Rogar que non nos deixen morrer?

Ten que ser unha das situacións máis complicadas que lle poden pasar a un. Coidemos da nosa sociedade, e non permitamos casos coma este.