Obesidade infantil

Celso Currás
Celso Currás TRIBUNA

OPINIÓN

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguen a ser preocupantes os últimos datos da Xunta sobre o exceso de peso dos nenos galegos, que nos sitúan nun dos peores lugares do Estado. Na educación básica hai xa máis de un por cada catro alumnos con sobrepeso e case un de cada dez padece obesidade. A primeira causa deste problema é a falta de exercicio físico, cada día máis acusada fóra do ámbito escolar, no que son obrigatorias dúas horas semanais de Educación física. Os rapaces pasan moito tempo ensimesmados cos móbiles, televisores ou ordenadores e pouco a pouco, desde ben cativos, van adquirindo hábitos de vida sedentarios, moi prexudiciais para a súa saúde. Por outra parte, non xogan como deben facelo. É raro velos correndo polo campo ou a rúa e aínda máis atopalos suorentos e coas pernas cheas de negróns, como ocorría non hai tanto tempo. Os xogos tradicionais ao aire libre, con desbalde de exercicio físico, seguen a ser necesarios, non só para aumentar o gasto calórico senón tamén para a normal socialización e maduración como persoas. Os rapaces están cada vez máis inmóbiles e illados e os seus verdadeiros amigos e compañeiros de xogos son os aparatos tecnolóxicos. A segunda causa da gordura é unha alimentación irracional, con abuso de azucres e graxas. Cando os pais se dan conta do problema, acostuma ser demasiado tarde, pois o padal xa non está habituado á variedade de sabores dunha alimentación completa. Utilízanse como premios chuches ou bebidas carbónicas, que proporcionan una enerxía que non se consume. O desequilibrio entre inxestión e gasto calórico é cada vez maior e ocasiona un exceso de peso nos fillos que os proxenitores non recoñecen, agás en casos extremos. Este é un gran obstáculo para que en moitos fogares se consuma habitualmente unha dieta equilibrada. Pódense facer campañas ou potenciar o labor das escolas, pero os pais non deben delegar as súas responsabilidades como educadores primarios nesas institucións. Inculcar aos fillos desde moi pequenos hábitos que sirvan de base a estilos de vida saudables é o seu deber, pero ademais vai repercutir moito no seu rendemento académico. O exercicio físico habitual reduce a tensión e mellora o humor, o cal beneficia non só a capacidade de concentración senón tamén o comportamento. As razóns, segundo os expertos, están no maior aporte de osíxeno ao cerebro e no aumento dos niveis de endorfinas.