A alfombra das orfas


Cando vivía en Xerusalén gustábame ir pasear polo barrio dos armenios. Era un lugar insolitamente tranquilo que ulía, precisamente, a «papel de Armenia», o papel con esencia de flores que se queimaba antes nas casas para perfumar. Había alí un convento, unha catedral, unha oficina de correos e un museo, e o bedel que cho mostraba tamén vendía recordos nunha mesiña pregable para financiar o museo.

Sobre a mesa pregable había un pobre caos: libros no fermosísimo -pero para min impenetrable- alfabeto armenio, unha casete amarelecida de Charles Aznavour -que era armenio de orixe-, outra da cantante pop Cher -tamén armenia de orixe-, e folletos fotocopiados sobre o xenocidio armenio, cando os turcos asasinaron entre millón e millón e medio de armenios nunha matanza que comezou un 24 de abril de 1915. Onte fixo exactamente cen anos.

Eu quería comprarlle algo ao home pero a casete de Cher non me atraía moito, así que collín un marca-páxinas feito de tea, decorado como se fose unha alfombra en miniatura. «Ah, a Alfombra das Orfas!», dixo o home, «Tamén é moi bonito».

Esta artesanía entrou en decadencia despois do desastre de 1915, pero antigamente as alfombras armenias eran case tan famosas como as persas. Esta tiña as clásicas formas xeométricas, entre as que sempre hai, máis ou menos explícita, unha cruz. Aos armenios gústalles dicir que a súa artesanía das alfombras se desenvolveu ao mesmo tempo que se inventaba e refinaba o seu alfabeto, e que, en consecuencia, toda alfombra armenia ten algo de texto que conta unha historia e toda historia armenia ten algo do colorido púrpura das alfombras que se tecían ás beiras do lago de Van. O certo é que, desde entón, ese separador de páxinas que lle comprei ao home aquel día é o que emprego sempre para sinalar a páxina onde vou lendo un libro. A estas alturas é un vello compañeiro que foi lendo os mesmos libros ca min. O que se me esquecera de preguntarlle ao home era que historia contaba xustamente esta alfombra en concreto, e por que lle chamaban «A alfombra das orfas».

Seino agora. Despois do xenocidio de 1915, unha organización de caridade norteamericana axudou a escapar a ducias de miles de armenios ao Líbano. Os refuxiados querían mostrar a súa gratitude ao pobo dos Estados Unidos, e o único que se lles ocorreu foi facerlles unha alfombra xigante. Así que catrocentas nenas orfas superviventes teceron esa alfombra de tres metros e medio por cinco e medio. Tardaron case dous anos en atar os catro millóns de nós dos que está feito o revés do debuxo. Que representa? Representa a expulsión de Adán e Eva do Xardín do Edén, como elas foran expulsadas do seu Edén. Esa era a historia que contaba esa alfombra.

Para cando chegou o agasallo a Washington D.C. xa era presidente Calvin Coolidge, que levou a alfombra para a casa e alí quedou ata que hai pouco os seus descendentes a devolveron á Casa Branca. Sei todo isto porque recentemente houbo unha polémica relacionada con este asunto. A comunidade armenia norteamericana quería que se exhibise a alfombra publicamente este ano do centenario, como se desprega unha verdade. Pero a Casa Branca negouse para non incomodar ao aliado turco. É a mesma razón pola que o presidente Obama, ao falar do aniversario armenio esta semana, non foi capaz de pronunciar a palabra «xenocidio». A alfombra está nun depósito do Goberno. O Xardín do Edén que fixeron coas puntas dos dedos catrocentas nenas orfas sigue aí, enrolado e na escuridade dun almacén.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Tags

A alfombra das orfas