Razón política e razón xudicial en Compostela

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

31 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A responsabilidade política en democracia non pode fiarse ás sentenzas xudiciais e, de feito, non se fai. Nin se fixo tampouco no caso dos sete concelleiros de Compostela que dimitiron o ano pasado por moito que digan agora Feijoo e eles mesmos a resultas da sentenza absolutoria do TSXG. Os sete concelleiros dimitiron daquela despois da condena en primeira instancia e logo de reunirse co presidente do PPdeG e da Xunta que considerou «oportuno, de forma inmediata, proceder á dimisión irrevogable de todos eses concelleiros». Foi unha decisión política, tomada pola dirección do partido porque, segundo afirmou, «esa é a decisión que corresponde» porque «era o compromiso do partido».

Non podía ser doutra forma porque a sentenza non pode obrigar a renunciar dos seus postos a concelleiros elixidos nunhas eleccións. A lei tampouco pode desposuílos da súa condición de concelleiros electos. O que si fai a vixente lei electoral (artigo 7.1) é inhabilitalos para presentarse a outras eleccións. A condena convertíaos en inelixibles para o futuro pero mesmo iso é unha excepción española, lémbrese, para evitar que HB presentase nas súas listas etarras condenados.

A verdade xudicial e a verdade política non poden ser iguais en democracia porque do contrario esta só sería dereito administrativo. Que haxa Estado de dereito non abonda para que haxa democracia liberal. Sen ir máis lonxe o franquismo logrou construírse como Estado de dereito dende os anos sesenta cunhas leis -as leis inxustas dunha ditadura- que eran cumpridas e aceitadas como referencia de convivencia. Foi un esforzo que, especialmente no ámbito do dereito administrativo, logrou crear efectivamente unha nova legalidade alén da aparencia. Aínda que iso era máis difícil no ámbito penal, mesmo no TOP -un avance de 1963 para substituír ao anterior Tribunal de Represión de la Masonería e o Comunismo- os opositores eran xulgados e defendidos en función da aplicación da lei e da xurisprudencia por avogados demócratas que procuraban as voltas para ceibar aos presos. De feito, dende o primeiro momento daquel xullo dos anos trinta os golpistas contra o Goberno foron moi escrupulosos en demostrar a legalidade dos seus actos e condenar á ilegalidade aos outros. Con iso mesmo lograron construír unha nova legalidade ditatorial despois de gañar unha guerra.

A perigosa confusión española entre verdade xudicial e política está por riba dos partidos, é cultural e ten raíces no pasado recente. A resolución xudicial da Audiencia coruñesa presidida polo maxistrado Pantín Reigada non corrixe os argumentos da que revoga, nin fai legal a barbaridade política pola que dimitiron os concelleiros: contratar a cargo do concello o avogado para un concelleiro compañeiro no Goberno. Di que non aprecia a intención que require a prevaricación porque os concelleiros son ignorantes do que fan, que non poden facelo sabendo porque non saben. Non me dirán que non é unha razón para teren dimitido. Imaxino que á mesma conclusión chegaría a dirección do PP. Nin a sentenza nin a maxia da comunicación política borran a desfeita popular compostelá da que seguramente estes concelleiros son os menos responsables.