Maquiniñas no avión

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

22 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Case que todos os anos, por razóns profesionais, teño ocasión de viaxar a América, unha ou dúas veces, e durante a noite, cando empezan a apagar as luces da cabina, dou un paseo por entre as fileiras de asentos observando en que ocupa o seu tempo o persoal. Recoñezo que é unha deformación do oficio. ¿Que fai a xente nos avións durante a longa travesía de once ou doce horas? A meirande parte intenta atopar o sono, arroupadiños nas mantas de viaxe da compañía; outros déixanse levar pola película que poñen na pantalla común; algúns poucos falan co veciño? Pero logo están os autónomos, os que buscan a propia solución: a lectura, por exemplo, ben dalgún xornal ou revista, ben dun libro. ¿Canta xente le no tren? ¿Ou no metro, nas grandes cidades? ¿Ou na antesala do médico? Non sei se son estes lugares, incluído o voo transatlántico, os mais axeitados para entregarse ao pracer ou á curiosidade lectora. Non coñezo estudos ao respecto. Se acaso podemos dicir que os que tal fan son lectores habituais, persoas para as que a lectura é un hábito e, ao mesmo tempo, unha necesidade: a poboación lectora constante da que falan as enquisas. Lemos porque o necesitamos para vivir, para sentirnos vivos, igual que necesitamos o aire que respiramos.

Nos últimos tempos medran aceleradamente as pantallas portátiles: tabletas e móbiles principalmente. Difícil atopar quen non estea enganchado á súa pequena maquiniña. ¿Lectores? O noventa por cento non están na lectura, senón ocupados noutro tipo de consumos: música, producións audiovisuais, videoxogos? Parece imposible, para a miña xeración, ver unha película completa na pantalliña dun smartphone. Pero é así. O libro resiste, pero o consumo cultural e, sobre todo, o consumo de produtos de entretemento (lecer) realízase masivamente na actualidade a través destes novos artefactos, que sen dúbida están chamados a transformar a realidade. Nalgúns casos xa non se conversa, whatsappeamos. Nos avións tamén.

¿Quen está a facer o negocio nesta nova realidade? Segundo a consultora GFK, especializada neste tipo de medicións, o 87,94 % dos contidos dixitais que consumen diariamente os españois son piratas, quérese dicir: accedemos a eles a través de fórmulas gratuítas que dispoñen dos tales contidos sen abonar ningún tipo de dereitos nin procedementos de pago. O negocio está nas operadoras de transporte (as telefónicas) e nos vendedores de soportes (os cacharros), a cambio de ofrecer a panacea das panaceas: acceso gratis a todo. Que llo pregunten aos xornais, acaso un dos produtos máis caros de fabricación (o produto informativo). ¿Como soster este modelo, a costa dos creadores e subministradores duns contidos que non obteñen ningún tipo de retorno económico? Dos 1.700 millóns que disque suman as perdas da industria da cultura por este procedemento, que é tamén nova tecnoloxía, 571 corresponden á industria do cine, sen dúbida a máis afectada, despois a música (410 millóns), logo os videoxogos (226 millóns), as series de televisión, ¡o fútbol!, e a industria do libro: 100 millóns.