Novas e vellas forzas políticas estatais

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

17 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O proceso independentista catalán tivo entre outras consecuencias a aparición de novas opcións electorais que reforzan o campo político do Estado español como nación política. Ciudadanos e Podemos, así como UPyD, PP e PSOE dende perspectivas máis ou menos novas. Se PP e PSOE actuaban como partidos estatais dende as posicións convencionais da esquerda antifranquista e a dereita que viña do franquismo, UPyD tentou reivindicar un nacionalismo español como suposta garantía de progreso e igualdade dos cidadáns pero nacida do remol da loita contra ETA ficou vella cando a crise anovou o escenario político. Ciudadanos e Podemos preséntase neste ano megalectoral á vez como alternativa ou recambio e como soporte ou extensión dos grandes partidos que protagonizaron a actual e aínda nova democracia española. Ciudadanos é un partido descoñecido fóra de Cataluña que é presentado como recolledor directo e natural de votantes desencantados da dereita española que non debe recoller a dereita nacionalista ou rexionalista alí onde existe. Un partido limpo de xente descoñecida para recoller aos votantes non socialistas que, espantados pola corrupción indisimulable e inasumible, necesitan esperanza.

Ciudadanos ven sendo presentado como complementario de Podemos polos creadores de opinión e os que mesturan propaganda e prognóstico, tanto no ámbito do PSOE como da dereita intelixente que busca saídas controladas á perda de votos que os inquéritos e o sentido común lle auguran ao PP.

A irrupción de Podemos dende fóra do sistema, tan inesperada como saudable, marcou unha terceira vía para recoller ao votante da esquerda que agora se busca que cumpra tamén Ciudadanos para que de tres se pase a catro forzas que teñan como referencia preferente da construción e da acción política o conxunto do Estado español tal como está configurado. Ningún ofrece solucións diferentes ao actual sistema autonómico, non obstante as ofertas de Podemos a respectar o que a xente queira. A demanda catalá levou a reforzar a referencia española fronte a Europa e fronte aos autogobernos nacionais no Estado español. A posibilidade da independencia catalá representou unha ameaza á que o Estado non logra responder máis que pola vía de reforzarse. O tempo dirá se o logra e como.

O reforzo do espazo español para a construción política está na lóxica do paso atrás que está a experimentar a construción europea, pero tamén a democratización española baseada nas autonomías nacionais e rexionais. Non é un problema de identidades antropolóxicas ou psicolóxicas como algúns interpretan. É un problema político, porque a acción política moderna ten como referencia un territorio, moi definido antes de 1945 e máis complexo despois; por iso na Europa de hoxe, por fortuna, os cidadáns teñen como mínimo dúas referencias: a nacional-estatal e a europea. Os labregos galegos fixéronse galeguistas en América e despois os fillos dos fidalgos carlistas e da burguesía liberal aprenderon con eles a pensar a Galicia de 1918 como nación europea. Por iso o galeguismo foi transcontinental e popular. Logrará o españolismo chegar a tanto?