De novo con Filgueira

OPINIÓN

09 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Un humanista como Xesús Ferro Ruibal ensina sempre, aínda que non o procure. Debemos agradecerlle o seu artigo do día 2 neste xornal, que nos ilumina sobre algo do que moitos non tiñamos noticia: que entre tantos saberes e capacidades súas, tamén Filgueira foi un adiantado, e un innovador, no teatro escolar galego.

O ano dedicado a Filgueira vai axudar a completar unha figura xigante da nosa cultura, aínda embazada por cuestións políticas mal asimiladas, axuizada sen perspectiva histórica e tamén con manifesta ignorancia da realidade, cando non por interesada terxiversación desta. Noticias como as do artigo de Ferro Ruibal, e outras debidas ao profesor Alonso Montero demostran que Filgueira é personalidade cultural aínda por descubrir, ao menos en tenzas que deica agora non teñen sido esclarecidas.

Unha das razóns, entre outras, para cuestionar a idoneidade de Filgueira a estes fins ten sido ao meu ver o descoñecemento da súa obra, complexa, variada e especializada. Por iso, poucos teñen chegado a ela e non moitos se terán feito unha idea de conxunto da mesma. ¿Haberá moitos que teñan coñecemento cabal, senón de toda, da maior parte dela?

Desconcerta a quen teña unha idea de país, e non o conciba como un gueto que se trate de xustificar racionalmente, que unha cultura con tantas pexas, atrancos e limitacións como a galega se poida permitir o luxo de ignorar -e aínda de aldraxar- a figura tan senlleira, complexa, rica e esclarecedora.

Todos os males proceden da ignorancia, dicía Sócrates. Pero tamén é certo que a ignorancia acostuma ir emparellada coa ousadía. Só así se explicarían as actitudes inquisitoriais e excluíntes con Filgueira que proveñen de sectores minoritarios ou marxinais da sociedade galega. Vaia maneira de facer país.