Enerxía e memoria do Patriarca


Hai dúas maneiras de enxergar a realidade: ollando cara a atrás, afincados na trincheira e botando contas de canto se nos vai, ou pola contra: virando a cadeira cara ao futuro, sabendo que, irremediablemente, algunhas cousas van quedar no camiño, pero outras nacerán, na medida do noso empuxe e da nosa vitalidade, como nace e renace a flor da xesta cada primavera. As culturas son proxectos de futuro en constante proceso de transformación, non museos de resistencia, nin muros de lamentacións.

Víñame isto á cabeza mentres no vello paraninfo da Universidade de Santiago (agora Facultade de Xeografía e Historia) lembrabamos a figura de Otero Pedrayo e a súa derradeira lección como catedrático na docta casa. O 5 de marzo de 1958, Otero despedíuse dos seus alumnos e compañeiros de aulas cunha intervención que deixou forte pegada na memoria dos que alí estaban, entre eles o profesor Alonso Montero, hoxe presidente da RAG, que intervíu no acto en representación dalgúns outros presentes. Non era o único que podía evocar aquela xeira: Teresa Rei, Fernando Filgueira, Rodríguez Mourullo, García Bodaño, Xosé Luís Franco Grande?

Coñecín a don Ramón pouco antes do seu falecemento. Andaba eu a preparar o que logo sería o meu primeiro libro: Unha ducia de galegos (1976), un libro de conversas arredor de Galicia, a cultura galega e o galeguismo. O Patriarca recibiume no seu domicilio da rúa da Paz, en Ourense. Ofreceume un whisky, ben me lembro. Eu tiña 24 anos e el 88. Foron dúas tardes de leria demorada. Estaba canda el o seu vello amigo Leuter Salgado, compañeiro de traballos antes e despois do 36. E falamos moito. En realidade falou el: un auténtico cadoiro de lembranzas, evocacións, suxestións, estampas de tempos idos, amigos ausentes, angueiras a medio facer, soños que se cadra aínda estaban por cumprir, pero aos que non renunciaba? Seguramente tamén amarguras e desencantos. Aínda que disto máis ben pouco. «Ollar cara adiante», repetía. «Está ben repasar o tempo que vivimos, por se podemos deprender algo. Pero o futuro está diante».

Se tivese que resumir en dúas palabras, e dende a experiencia dos anos transcurridos, a miña impresión daquelas conversas e mais da propia presenza de don Ramón no discurso xeral da nosa lingua e da nosa cultura (da nosa consciencia colectiva), incluída a súa obra, a súa traxectoria vital, o seu pensamento e a súa exemplaridade, resumiríao todo en dúas palabras: enerxía e futuro. Enerxía para non desfalecer, malia as circunstancias atravesadas que lle tocou vivir (a el e á súa xeración toda). Era incrible, cos seus anos, o pulo que tiña e que transmitía. Futuro pola súa curiosidade intelectual, pola súa ollada aberta (non refractaria, nin asustadiza) e pola súa capacidade para empatar coas novas xeracións, que son as chamadas a construír o tempo novo. Velaí a súa biografía. Novas xeracións eran os homes e mulleres de Galaxia en 1950. Os mozos de Brais Pinto en 1958. Os rapaces e rapazas do 68 compostelán. Os compañeiros de Teima en 1976, o ano que nos deixou?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Tags

Enerxía e memoria do Patriarca