Educación en España: sensación de fracaso

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

03 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A todos os niveis, desde primaria a máster, a sensación acumulada de fracaso no funcionamento da educación en España chegou xa a niveis preocupantes. Unha percepción xeneralizada da que curiosamente están excluídos os chanzos inicial e final da escaleira formativa: a preescolar e o doutoramento; afortunadamente fora do enfoque político e mediático. Que sigan. A razón principal desta situación é ben sabida: dereita e esquerda nunca se acordaron nun pacto pola educación e as razóns relixiosas e políticas que converteron a educación nun campo da batalla política son coñecidas e tan vellas como o liberalismo e a súa reacción. A consecuencia foron 8 leis de educación en catro décadas. Na LOECE de 1980 o franquismo saínte buscou o axuste á democracia do monopolio educativo relixioso, a posterior LODE socialista impulsou o desenvolvemento da pública actual. A disputa posterior expresouse en varios tópicos: a perda de nivel dos estudantes (ortografía, por exemplo), aprobado xeral (ausencia de exames e reválidas); perda da cultura do esforzo (non fan nin deberes), desprezo ao valor da memoria (non se toman leccións, so se fan traballos e fichas); paparruchas, en fin.

O que hoxe está pasando no ensino e a nova lei de Wert veñen desa disputa de 40 anos. O novo conselleiro Rodríguez (Lalín, 1968), a diferenza do ministro Wert (Madrid, 1950), é un home da EXB, un produto da educación pública e do éxito da L.X.E. de 1970, cando o franquismo quixo modernizarse e aproveitou no seu favor as demandas educativas dunha nova clase media e operaria con aspiracións para os seus fillos, en vez de enfrontarse a eles coas armas da ignorancia e a represión espida. Ademais, como estudou Xeografía e Historia, coñece ben a desputa contemporánea polo control da educación en España entre a Igrexa e o Estado, e sabe deste problema non resolto e as súas consecuencias.

Pese aos agoireiros, aínda non se materializou o fracaso. Só é sensación. A gran resiliencia da educación como sistema, idea e educadores que lle permitiu resistir todos estes avatares, pode estar chegando ao seu punto de saturación e ao límite temporal. A xeración de mestres da transición xa practicamente abandonou a vida escolar activa. Sobre o seu impulso persoal e a súa fe no valor da educación como motor de cambio social e político, construíuse o sistema educativo dende 1970 até hoxe. A súa xubilación das aulas marca o límite dun modelo permanentemente cuestionado e agredido, a pesar do seu éxito. Porque si que tiña razón a xeración da transición na súa fe educativa como motor da democracia e da mellora social. O presente e os seus indicadores dánllela, pero sen o seu esforzo e a súa crenza no valor humano, político e social de formar persoas nas aulas todo iso sería imposible. Ese intanxible non se estuda máis que como unha variable ahistórica, asociolóxica, apolítica e impersoal nas escolas de negocios e os MBA dos nosos xestores e así nos vai. Unha nova fe substituíu á do antigo Maxisterio: a fe nos indicadores do mercado. O éxito enxendrou o fracaso pola suspensión da consciencia.