Cadea perpetua

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

28 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mal imos cun ministro de Xustiza que identifica aos xuíces cos bos e aos delincuentes cos malos: «É sorprendente que algúns da esquerda queiran facer ver que as Forzas de Seguridade, os xuíces ou os fiscais son os malos, e os bos os delincuentes». Segundo Catalá, case somos delincuentes quen consideramos que o chamado «pacto antixihadista» é unha patraña e que «prisión permanente revisable» é só unha forma de non ter que dicir «cadea perpetua». Zapateiro aos teus zapatos, deberiamos dicir as escritoras a estes políticos que abusan da manipulación lingüística. Porque esa frase de Catalá é só un tosco exercicio de retórica para revirar a verdade. Primeiro, porque identifica esquerda con Mal. Segundo, porque pretende que toda persoa uniformada ou togada sexa naturalmente boa. E terceiro, porque, sendo malos todos os delincuentes, merecen tamén o castigo de que a súa perspectiva de liberdade estea nas mans daqueles que son inefables e non da Lei.

Cando a falta de sentido común se apropia da política, todo dá igual. É o mesmo se os cárceres españois están cheos de xente que só se trabucou e aprende a reconducirse. É o mesmo que o ministro de Xustiza arremeta contra a reinserción, función da prisión en España. É o mesmo que minta facendo crer que é maioritario o que, en realidade, é minoría tanto nos cárceres coma no mundo: en xeral, as persoas verdadeiramente malas campan felices e libres, porque as maldades só nuns poucos casos son delitos, e existirán a pesar da cadea perpetua.

Visto isto, convido a pensar nos termos en que se xogará o debate que sucede de xeito natural a este: ¿quen merece a pena de morte?