¿Que vai ser de nós dentro de vinte anos?

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

22 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das prácticas que, ao comezar o curso, fago todos os anos cos meus alumnos consiste en preguntarlles (e que fagan unha reflexión por escrito) como se ven a si mesmos dentro de vinte anos: aos meus alumnos e ás miñas alumnas, que nas especializacións en que me movo (Xornalismo, Comunicación Audiovisual e Dereito) andan por riba do 75 % das matrículas. ¡Vinte anos! Un nada, segundo o tango. Para eles, que son novos, unha inmensidade: dobrar a idade que teñen agora. Non necesito advertirlles que a experiencia consiste en que poñan ordenadamente no papel a visión que teñen do seu futuro (profesional e persoal).

O resultado case sempre é o mesmo, e nestes tempos aínda máis: incerteza, medo e unha grande inseguridade. Eu dígolles moitas veces que o pesimismo é reaccionario. O pesimismo é unha lousa que nos paraliza. ¿Como se pode ser pesimista con vinte anos? En certa maneira a reacción é explicable, porque nos pasou a todos, pero nos días que corren non hai moitas razóns para poñer a repicar as campás. Para a inmensa maioría o horizonte é un túnel escuro. Unha alta porcentaxe vese ocupada en actividades que nada teñen que ver cos seus estudos. A hostalería, por exemplo. «Servindo copas nun club de Birmingham», escribe unha rapaza. «Traballando con contratos eventuais nuns grandes almacéns», apunta outra. «Bolseiro con corenta anos e á espera de que me renoven o contrato?».

A idea de ter que marchar da terra, no canto de enriquecelos, os desacouga. Falan de casos que coñecen: amigos e parentes que tiveron que saír e non dan co camiño de volta, ocupados en oficios nos que quedan enganchados, sen expectativas. Hai anos, cando iniciei este experimento, as fantasías eran distintas. Se cadra tampouco estaba moi claro que se fosen cumprir, pero cabían dentro dos soños imaxinados: correspondente de guerra nun país estranxeiro, escritor de novelas, columnista de opinión nun xornal importante, guionista de cine ou nun programa de televisión? Curiosamente (significativamente) nesta ocasión apenas dei rexistrado este tipo de respostas. O humor (negro) preside case todos os relatos. «¿Futuro? ¿De que futuro podemos falar?». Invito aos meus colegas a que fagan o mesmo nos seus grupos de estudantes: ¿Como te ves dentro de vinte anos?

Entre as rapazas sobre todo hai unha preocupación que me parece importante. «Quixera poder compaxinar o meu traballo cunha familia», escribe unha. «Poder chegar a casa e saber que hai un compañeiro agardando, e uns fillos que regresan do colexio. Pero véxome con corenta anos vivindo cos meus pais, e quen sabe que será deles daquela». Cando falamos do problema demográfico deberiamos falar tamén destas cousas. A experiencia non ten carácter científico, por suposto, nin tal pretende, pero é representativa dun estado de opinión. O capital do futuro. Mozos e mozas chamados a construír o país. ¿Son os nosos gobernantes conscientes desta situación? Seguro que si. Pero miran para outro lado, ou séntense impotentes diante de realidade. Eles tamén.