Comer cos fillos

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

19 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sorprende que unha das conclusións do recente traballo do Consejo Escolar del Estado sobre a participación das familias na educación escolar sexa que comer cos fillos mellora o seu rendemento académico. Cada día é máis difícil ver unha familia reunida en torno á mesa, conversando tranquilamente. As novas tecnoloxías están a impedilo. O televisor, erroneamente instalado nas cociñas, comedores ou dormitorios, ten preferencia e as familias convértense, como dixo Riesman, en multitudes solitarias nas que cada membro está absorto no seu, sen importarlle os demais. Un mirando a televisión, outro co ordenador, outro cos videoxogos ou co móbil...

Tamén é certo que razóns laborais impiden moitas veces xantar habitualmente cos fillos, pero pódese facer os fins de semana ou aproveitar almorzos ou ceas. É máis importante a calidade que a cantidade. En varios países europeos, que están de volta nesta problemática, hai unha tendencia dos pais a intentar pasar máis tempo cos fillos, despois de xeracións ausentes por motivos profesionais. A verdade é que no noso, ademais da vontade das familias, fan falta máis facilidades para coordinar as vidas familiar e laboral.

Parece mentira que teña que recordarse a grande importancia dun acto tan fácil, sinxelo e barato, como é unha entrañable comida familiar. Esta debe ser unha das manifestacións principais do calor do fogar e do permanente diálogo e apoio emocional dos pais, imprescindibles para a normal maduración da persoa. As repousadas sobremesas permiten escoitar aos fillos para coñecer os seus problemas e a súa integración social. É momento ideal para aconsellar e inculcar valores ou hábitos, que os pequenos asimilan inconscientemente quedándolles gravados para toda a vida e condicionando as súas actuacións futuras. Esta educación é responsabilidade dos pais e non pode ser delegada noutros familiares nin nos mestres.

Pero ademais, o estreito contacto cos fillos ten unha influenza máis inmediata no seu éxito académico. Na citada investigación afírmase que as diferenzas no rendemento en Matemáticas entre estudantes que falan a miúdo cos seus pais e os que o fan pouco poden chegar a supoñer ata dous cursos escolares. No caso de sentarse ou non a compartir unha das comidas principais do día, a diferenza é menor, pero nada menos que de un curso e medio. Deben tomar boa nota disto os pais que pensan que as razóns do éxito ou fracaso escolar dos fillos están no tipo de centro educativo que se elixa para eles ou nas actividades extraescolares ás que asistan. O que desafortunadamente ocorre cada vez máis é que os fillos estorban e por iso hai que mantelos fóra da casa o maior tempo posible. Se ademais chegan a ela ceados e co pixama posto, moito mellor.