Paga a pena intentalo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

15 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente Núñez Feijoo vén de poñer enriba da mesa a posibilidade de iniciar un novo tempo de consenso para a cuestión da lingua. Tal reclamaba o documento que recentemente deu a coñecer a Real Academia Galega. Tal vimos reclamando dende hai anos os que amamos o idioma e sentímonos preocupados polo seu futuro.

Tal reclamaban os miles de manifestantes que, unha vez máis, o pasado domingo se xuntaron nas rúas de Santiago de Compostela, nesta ocasión a prol dunha lingua viva para os fillos e os netos.

Certo que o futuro lingüístico dos fillos e dos netos depende moi principalmente da vontade e uso dos pais e das nais, a lingua das familias, que é onde se está a producir a gran traxedia do idioma: a rotura da súa transmisión natural.

Pero tamén é certo, como repetimos tantas veces, que nestas alturas da historia o contexto social é máis poderoso que o núcleo familiar: o comportamento das familias (tamén o comportamento lingüístico) vén condicionado polos valores dominantes do entorno (político, social, económico, cultural) e, ao cabo, as familias galegofalantes, neste contexto e nestas circunstancias, son vítimas da historia, perdedoras no conflito, nunca as responsables.

¿Como actuar? Velaquí as dificultades. A RAG pide unha iniciativa civil, que desactive ou polo menos distancie a cuestión da lingua do debate político partidario.

Un pode entender que as partes que deberían sentarse arredor da mesa se aferren a cuestións puntuais, case que simbólicas, coma o (desafortunado) «decreto do trilingüísmo». Pero non é doado un espírito conciliador poñendo condicións non negociables. Cada quen ten as súas bandeiras, seguramente todas lexítimas.

Mais habemos de ser capaces de levantar papeis, deixar a mesa espida, se queremos pensar nun proxecto integrador e, por tanto, operativo.

Esa sería a verdadeira conquista, coa correspondente (e necesaria) exemplaridade social: obxectivos claros, defensa do idioma a prol da súa instalación normal na sociedade, lingua propia de Galicia, coma establece o Estatuto, garantindo o respecto ás posicións individuais de cada quen, fuxindo de imposicións, mais sen caer na inxenuidade de pensar que as cousas van vir dadas do ceo sen que ninguén as active.

O problema da lingua galega hai tempo que non está na escola, aínda que na escola haxa moito por facer.

O problema da lingua vai bastante máis alá: é un problema estratéxico, que atinxe ao conxunto da sociedade, para afrontar o cal cómpre crear un clima de compromiso e respecto que implique a pluralidade dos axentes sociais: empresarios, sindicatos, asociacións profesionais e cívicas, a igrexa, a xudicatura, o funcionariado, as familias, mirándonos aos ollos todos e atendendo non só o discurso de cada quen senón, moi fundamentalmente, ás razóns do outro.

É dificilísimo entender, fóra de prexuizos históricos, que unha cuestión desta índole non sexa bandeira común, por riba de miserias particularistas.

E aínda máis custa aceptar que algo tan fráxil e de tanta trascendencia non poida ficar alén das demagoxias.