París non era unha festa

OPINIÓN

19 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño a total seguridade de que os 50 dirixentes que estiveron na manifestación do pasado día 11 en París saben moi ben que nin Al Qaida nin o Estado Islámico son exércitos, porque un e outro, máis alá das súas rivalidades, son por riba de todo unha maneira de pensar.

Unha maneira de pensar que, como nos ensina Robert Fisk, un dos máis brillantes xornalistas destes tempos, se alimenta da dor, do temor e da crueldade -a nosa crueldade e a nosa opresión-, e mentres sigamos dominando o mundo musulmán cos nosos tanques, os nosos drons e os nosos ditadores «amigos», esa maneira de pensar vai continuar e seguirá crecendo.

Para nós, cidadáns desta parte do mundo, son terroristas os asasinos do semanario parisiense, como para os romanos o foi Viriato ou para Napoleón os nosos patrióticos guerrilleiros cando a invasión francesa. Pero esa non é a cuestión, senón ter moi claro que fixemos mal -se non estivese claro de sobra- e, por riba de todo, que temos que facer ben para que non se dean as causas que alimentan ese terrorismo.

Despois do día 11 sabemos que haberá menos liberdades, máis inseguridade e máis posibilidades de que rematemos sendo Estados policiais. Pero seguiremos humillando aos palestinos, consolidaremos a total destrución de Irak ou de Afganistán e seguiremos explotando e mantendo na miseria a millóns de musulmáns de todo o mundo.

Está claro que en París, desta vez, non houbo ningunha festa, e alí só se procurou asegurar os votos de cada quen. A represión, nas súas múltiples formas, vende moi ben, pero non a verdadeira política, a que vai á raíz das cousas e das causas. Eses dirixentes saben de certo que unha maneira de pensar non se combate con armas de guerra, senón facendo as cousas ben. Pero isto non dá votos.