Paisaxes de culto, paisaxes de frustración

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

19 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As palabras, por veces, sepárannos, mentres que a linguaxe nos une. As palabras son conceptos que se esculpen e poden ser interpretadas de distintas maneiras; en cambio, na fluidez da expresión verbal, xuntándoas, tendemos a entendernos.

Estamos fracos de ideas e de proxectos. Soan por si mesmas as palabras tomadas das distintas disciplinas: mobilidade, sustentabilidade, estratexia, reciclaxe, excelencia, smart... E xa non digamos as económicas, tan efémeras. Cantas delas tivemos que descubrir para tratar de entender esta crise e decatarnos logo de que son como xustificacións ou escudos que encobren a falta de explicacións convincentes.

Unha das palabras máis utilizadas hoxe é paisaxe. O perigo é que ao final todo sexa unha especie de omnipaisaxismo que difumine o planeamento, a urbanística, a ordenación do territorio, a arquitectura, os habitantes. En Galicia o concepto de paisaxe está moi vinculado ao de país, e o rexionalismo púxose de xeonllos ante a inmensidade da natureza para formalizar a idea de nación. En todas partes, esa inmensidade era igual a beleza. Aquela Galicia idílica, onde a arquitectura se insería placidamente nos grandes lenzos de montañas e vales, convertidos en territorio, era silenciosa, equilibrada, pero,... un pero moi importante: era fermosa cara ao exterior e aínda máis vista ao lonxe, pero pobre para a maioría dos seus habitantes.

Seguimos a mitificar a paisaxe histórica como obxecto de culto, un desexo de como terían que ter sido as cousas, tratando de esconder os territorios que a partir dos anos 60 se foron desenvolvendo, rompendo o equilibrio entre arquitectura doméstica e cultivo no rural, e entre arquitectura simbólica e cidade no urbano. Este mal facer do territorio, fragmentario, roto, o estrago aquí e acolá, as concentracións parcelarias, forestacións, costas e cidades, son tamén nosas, paisaxes da frustración. Podemos sinalar diferentes responsabilidades con distinto nivel: a falta de planeamento, as opcións políticas, unhas máis ca outras, e tamén nós mesmos. Cambiouse pobreza por benestar a costa da paisaxe.

Algo nos pasa coa construción do territorio, un maltrato ao pormenor que non se aprecia tanto nas rexións que nos rodean, cruzado o Eo cara a Asturias e a cornixa cantábrica, ou mesmo pasando o Miño cara a Portugal. Así o escribía hai quince anos en La Voz de Galicia, e saltou a palabra feísmo, como expresión de algo case antropolóxico. O termo foi logo utilizado para xustificar que, como todo é feo, ninguén é responsable ou, se acaso, a culpa é dos paisanos por non rebocaren as casas.

Agora que estamos a abandonar os sinais da identidade, aqueles que impulsaron a autonomía, territorio e lingua, e cunha demografía que vai a menos e nos vai facendo máis vellos, sería necesario aceptarmos esa conciencia dual sobre o país, de amor e desafecto, que con tanta lucidez albiscou Rosalía, e que se manifesta entre outras cousas nestas paisaxes da frustración, tan nosas como as de culto.

Co franquismo os plans e as leis non servían para nada. Pero a autonomía aínda non foi quen de desenvolver unha paisaxe cultivada. As paisaxes da frustración fanse máis evidentes nesta quietude inmobiliaria despois da crise e reclaman unha intención para serenalas e reparalas. Non recoñecelas cando menos supón un problema engadido.