Todo o mundo está de acordo en que hai que conciliar a vida laboral e familiar, pero só son boas palabras. No 2005 aprobouse o Plan Concilia, polo que todos os organismos deben implantar a política de luces apagadas a partir das 18.00 horas. Pero apáganse ás 21.00 ou máis, e son os avós e avoas ou unha rapaza quen recollen aos nenos no colexio, e se non, apúntase aos cativos ao que sexa ata que papá ou mamá poden recollelos. Segundo un informe da Asociación pola Racionalización dos Horarios Españois, aplicar o uso horario de Greenwich facilitaría a conciliación, reduciría os sinistros laborais, o absentismo e, mesmo, o fracaso escolar; ademais de facilitar as relacións comerciais co resto de Europa. En setembro do 2013 aprobouse pola Comisión de Igualdade no Congreso dos Deputados un informe sobre este tema, pero aínda non se debateu no pleno. E o mesmo sucede cos intentos de adiantar as programacións televisivas.
Iberdrola puxo en marcha un programa de racionalización de horarios que afecta a 9.000 empregados, que entran a traballar ás 7.15 e saen ás 15.30 horas. Con iso conseguiu incrementar cada ano a súa produtividade en 500.000 horas laborais, reducir nun 10 % os índices de accidentes laborais e de absentismo, e facilitou a vida familiar dos seus empregados. Pero é un exemplo illado. No 2015, ano de eleccións, avanzaremos algo no camiño da conciliación? Oxalá!