Unha sociedade embrutecida

OPINIÓN

29 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca con tantos e tan eficaces medios se contou como nos nosos días para mellorar o cultivo do ser humano -ese deinon de Sófocles-, capaz das máis grandes empresas e ao mesmo tempo das maiores baixezas e miserias, que pode ir á lúa, explorar outras galaxias ou idear a física de cordas, pero tamén organizar o Holocausto, o Gulag ou Guantánamo.

É certo que o cultivo do ser humano se foi ampliando a grandes sectores da sociedade, que unha grande maioría, hoxe como nunca, pode ter acceso aos estudos medios e superiores e que moito se ten mellorado na chamada igualdade de oportunidades. Pero é dubidoso que tal cousa teña axudado a unha maior cultura da sociedade mellorando o desenvolvemento de todas as súas capacidades.

As sociedades de hoxe veñen asimilando como cultura usos que nada teñen que ver co cultivo do espírito humano, usos miméticos impostos por modas, mercadotecnia e certas facilidades, dende os pantalóns vaqueiros a músicas que atordan, dende estilos esternos de vida a trebellos cibernéticos.

Pero a maioría dos destinatarios deses e outros usos son masas que non len, que non saben axuizar un problema común que lles afecte directamente ou á súa comunidade, sen que cheguen a ter unha verdadeira idea do mundo en que viven. E dentro desas masas, infelizmente, cóntanse por millóns xentes de grande formación técnica pero moi pouco culta.

¿É esta sociedade nosa unha sociedade xa embrutecida, que sabe manexar moi ben un móbil ou xoguetes cibernéticos pero é incapaz de sintetizar unha lectura? ¿Non será xa unha sociedade que foi recuando ao substituír o pensamento abstracto por imaxes, irracionalidade de insospeitadas consecuencias? Produce pavor pensalo. E máis aínda que iso non interese aos que gobernan o mundo.