Vitoria

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

O 3 de marzo de 1976, con Fraga en Alemaña e Suárez como ministro de Gobernación en funcións, en Vitoria se convocou unha nova folga das que se viñan repetindo nos últimos meses. Pola mañá, enfrontáranse piquetes e policías, e ás cinco da tarde, cando os folguistas celebraban asemblea no templo de San Francisco, os grises, sen atender ao párroco, que pedía respecto ao sagrado, lanzaron botes de fume para desaloxalos. Non mediron as consecuencias, porque centos de manifestantes foran achegándose ao templo e, ao saír os asembleístas en tromba, os policías víronse rodeados e empezaron a disparar. Houbo cinco mortos e máis de cen feridos.

Arias quería decretar o estado de excepción, pero Suárez controlou a situación enviando reforzos de varias cidades baixo o mando único do director xeneral adxunto de Seguridade. O día 5, un enterro multitudinario percorría as rúas de Vitoria e dirixíase ao goberno militar. O capitán xeral dera ordes ás Forzas Armadas de intervir ao menor incidente, e de novo Suárez impuxo a mesura para non agrandar a traxedia.

Ao volver de Alemaña, Fraga dixo que nada tiña con aqueles sucesos; pero o rei preguntou a Osorio se Suárez actuara tan ben como dicían, e Osorio respondeu que si.