Os habanos de Kennedy

Miguel-Anxo Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

20 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Contábao hai moitos anos o antigo secretario de prensa de John Fitzgerald Kennedy, Pierre Salinger: en febreiro de 1962 o presidente norteamericano dispoñíase a asinar o decreto que endurecía o embargo a Cuba, pero había unha cousa que llo impedía: o seu hábito de fumador. Como sabía que Salinger tamén era afeccionado ao tabaco, chamouno ao despacho oval para facerlle un encargo secreto: tiña que conseguirlle todos os cigarros habanos que puidese encontrar e traerllos á mañá seguinte, antes de que el mesmo prohibise a súa venda en Estados Unidos. Era algo así como o equivalente a mover os marcos dunha finca ou pecar xusto antes de confesarse. Salinger di que lle custou, pero que atopou os cigarros. De feito, despois de recorrer todos os comercios de Washington, puido reunir mil douscentos. Kennedy gardounos, abriu un caixón, sacou o papel do decreto e alí mesmo, diante de Salinger, asinou o documento que prohibía a importación de todos os produtos cubanos a Estados Unidos, cigarros incluídos.

Desde que souben desta historia, hai uns vinte años, teño fantasiado co destino daqueles cigarros culpables. Os habanos en cuestión eran uns Petit Upmann que se elaboraban nas famosas vegas de Vuelta Abajo. Imaxinábame a Kennedy saboreándoos no secreto do despacho oval. Nixon tamén fumaba puros ocasionalmente, e hai fotografías clandestinas de Clinton nas que parece que ulisca un habano, así que pensaba tamén se non serían estes os restos daquel lote de cigarros de Kennedy que quedaran ocultos no despacho oval tras o seu asasinato en Dallas. Mesmo fixen o cálculo do que podía ter durado o cargamento en función de distintos ritmos de consumo e saíame que se acabarían aproximadamente na actual presidencia de Obama. Por suposto, non digo que sexa esta a razón pola que agora anuncia que intentará poñer fin ao embargo a Cuba.

O que si penso é que se podería facer unha historia alternativa do conflito entre Cuba e Estados Unidos seguindo este rastro do fume de cigarro, porque é como unha explicación que o envolve en forma de volutas. Che Guevara dicía que a historia da loita revolucionaria en Cuba estaba ligada ao tabaco. A Fidel a CIA intentou asasinalo cun cigarro explosivo, mentres que Fidel creou o Cohiba como unha arma para illar a Estados Unidos -os seus diplomáticos eran os únicos que non o recibían como agasallo. Washington devolveu o golpe autorizando a falsificación da marca en Estados Unidos, un litixio que aínda dura e que posiblemente sobrevivirá á controversia política en si. Para cando se apague o lume do conflito penso que seguirá esta discusión sobre o fume. Pasa con todos os conflitos, pero en ningún isto se pode visualizar de forma tan clara como no contencioso entre Cuba e Estados Unidos.

Non poderei opinar. Ou quizais si. Nunca fun fumador, pero de pequeno, como tantos nenos, gardaba as canicas, as moedas de países e os selos de correos nunha caixa de puros baleira que había pola casa, e que era precisamente de habanos. Era moi vella; quizais a trouxera o meu bisavó de Cuba, onde tivera unha fábrica de galletas. Durante anos respirei ese aroma do tabaco cubano mesturado co do cedro da caixa, o que coido que se podería considerar unha variante elevada do fumador pasivo. Foi moito despois cando tiven a oportunidade de fumar un habano nalgunha voda, porque para os que non somos afeccionados, o cigarro está exclusivamente relacionado co vínculo matrimonial. O sabor resultoume familiar, e tróuxome á memoria os selos das provincias españolas e as moedas do mundo; e tamén da palabra «Cuba» que estaba escrita na etiqueta.