Por que salvar unha lingua

OPINIÓN

15 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

No The New York Times do día 5 deste mes, na súa Sunday Review, publicouse un interesante artigo do profesor da Universidade de Columbia, John McWhorter, titulado «Why Save a Language», no que se refería á importancia dunha lingua e á perda que supón para a cultura que, de aquí a uns cen anos, das 6.000 linguas que hoxe se falan, pode que só 600 se manteñan. Pensan que, se morre unha lingua, unha forma fascinante de pensamento morre con ela. Pon exemplos e pregúntase, se unha lingua non é unha visión do mundo, ¿que é? Pensa que é algo máis e que, por iso, son merecentes de especial atención as linguas que en cen anos poidan desaparecer.

Esas outras razóns, ademais de supoñeren unha forma fascinante de pensamento, suxiren que por ser a linguaxe tan central ao ser humano, é a lingua unha poderosa ferramenta para a conexión e sentido de comunidade. E pon o exemplo dos xudeus americanos que falan yiddish no fogar: son unha comunidade moito máis definida e menos asimilada á vida americana de fala inglesa que os xudeus que non o falan.

Ademais, as linguas son científicamente interesantes, e repara en particularidades dalgunhas delas, como a necesidade, nalgunha, de cambiar de verbo para expresar a que hora ocorreu algo, acerca das once maneiras de dicir sobre, ou os 90 sons dunha lingua de Nova Guinea, entre os diversos exemplos que aduce. Pois as linguas, dinos o profesor McWhorter, ofrecen unha variedade equivalente á diversidade da fauna e a flora do mundo. Conforta que un medio tan destacado do imperio preste esa atención a un feito cultural de importancia esencial no noso tempo e para o noso país, que o valore tan positivamente e que o conceptúe como problema esencial de cultura.

¿Non lles dará vergonza aos nosos dirixentes?