O Nadal, segundo a lotaría

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

14 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A min o anuncio da lotaría do Nadal paréceme do más acertado dos últimos anos. Como corresponde, apela emotivamente ó espírito do Nadal que nestas latitudes, en realidade, inventaron eles, Loterías y Apuestas del Estado. Di moito de nós que o noso espírito natalicio teña que ver co enaltecemento dos xogos de azar. Pero por fin este ano volvemos ás orixes da construción do Nadal de aparencia made in Spain con todo o que conleva ser Spain: coas nosas rúas nevadas neste país no que só neva nalgúns lugares de dubidosa autoadscrición á españolidade, e coa nosa música liviá alí onde a festa se asocia á modalidade flamenca do chunda chunda.

O anuncio deste ano gústame especialmente porque por fin se atreveron a expresar ás claras algo que era un segredo ás voces: o porqué desta forma tan hispánica que temos de inaugurar o Nadal dunha forma tan materialista e tan pouco acaída a un país católico. En realidade todos xogamos á lotaría por medo á tamén hispánica envexa, porque non vaia ser que lle toque ao compañeiro de traballo ou ao veciño que comparte o noso bar. Os españois non cremos especialmente na fortuna natalicia do azar, senón que confiamos moito no noso costume da Schadenfreude, un termo alemán que expresa o que nos gusta que o do lado sufra mentres nós somos felices. E tivo que chegar a crise para que Loterías se atrevese a recoñecer que, con tanto empobrecido susceptible de ser refregado co cupón premiado do veciño do lado, era mellor animar a unha certa empatía propia destas datas.