E.T. naceu na periferia

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida é unha propiedade da materia, estruturas de átomos que se poden reproducir. Cando, hai unhas décadas, a ciencia tivo claro que o universo observable é unha bóla de 0.9 cuadrillóns de km con 100 mil millóns de galaxias, comprendeu que tiña que haber vida alén do noso planeta (mesmo cada galaxia a tería, sería como xogar á lotaría comprando tódolos números).

Pero agora un par de físicos (español e israelí) acaban de amosar que a vida só sería posible no 10 % das galaxias. ¿Por que? En 1967, os satélites que espiaban detonacións nucleares empezaron a descubri-la existencia de fogonazos curtos, de segundos, de radiación electromagnética de moi alta frecuencia: eran raios gamma, de centos de trillóns de herzios, que viñan do espazo exterior. Pronto se soubo que eses flashes de raios gamma proceden de colapsos de estrelas masivas e, dada a súa enerxía, son altamente ionizantes e borran a vida. Pois ben, o 90 % das galaxias sofren eses flashes, o cal impediría nelas o xurdimento de formas de vidas elaboradas. É máis, no resto só sería posible ter vida na periferia das galaxias. Se a Terra estivese no centro da galaxia, onde as estrelas están máis xuntas, tería un 95 % de probabilidades de sufrir un flash letal de raios gamma cada mil millóns de anos. Polo mesmo argumento, ata 5 mil millóns de anos despois do big bang non puido xurdir a vida: o universo estaba aínda demasiado apertado.