A fronteira galego-portuguesa


Vén de cumprirse o cento cincuenta aniversario do Tratado de Lindes, que regulamenta as fronteiras entre España e Portugal. Estou a falar do tratado de Lisboa de 29 de setembro de 1864. Ata daquela a fronteira -moi especialmente a raia existente entre Galicia e o Norte de Portugal- presentaba numerosas dúbidas e espazos disputados. Non é raro pois, que dos 801 marcos fronteirizos que dividen os dous países ibéricos, 349 deles estean situados na raia seca ourensá, por ser aquí onde se presentaron boa parte das maiores dificultades para facer a demarcación; nin que certas illas do río Miño , no tramo internacional, correspondan a un ou outro Estado, malia a súa situación na canle do río.

As comisións técnicas que levaron a termo as negociacións para acordar a delimitación fronteiriza foron dúas e tardaron anos desde a súa primeira xuntanza en chegar a un acordo, acordo que se acadou en Lisboa mediante outra comisión de corte diplomático. Nas comisións técnicas salientou como un gran negociador o diplomático español Fidencio Bourman, para desgusto dalgúns comisionados portugueses, e foi el o artífice de que o Couto Mixto quedara inxerido en terras galegas.

Nos douscentos últimos anos, a perspectiva histórica dos lindes territoriais, desde os ollos do Dereito en xeral, mudou de xeito importante. Téñase en conta que só hai 180 anos da creación das provincias por parte de Javier de Burgos, tal e como hoxe as coñecemos . O mesmo ocorreu no terreo eclesiástico, xa que algunhas xurisdicións episcopais achábanse en territorio de distinto país, como sucedeu cando o bispo don Pedro Quintano de Ourense fuxiu do Exército do Mariscal Soult refuxiándose en San Pedro de Tourem, en Portugal, sen deixar por iso de permanecer na súa diocese, xa que este lugar estaba integrado nos lindes eclesiásticos da súa Mitra. Esta alteración das demarcacións eclesiásticas foron corrixidas anos despois, en 1881. E non se pode esquecer que só hai 36 anos que, mercé á Constitución de 1978, foron creadas as comunidades autónomas como espazos político-territoriais que non sempre coinciden coa estrutura rexional do vello Estado español, como é o caso de Castela e León.

Velaí a feble realidade do concepto liminar territorial, que se pode estender a outros espazos coma o xudicial, o académico, o sanitario e moitos mais.

A pequena historia da construción desta fronteira de Galicia e o Norte de Portugal arranca no século XII, e tivo que agardar ao século XIX para acadar certa definición. Quedan cuestións pendentes noutros lugares da xeografía peninsular como é o caso de Olivenza, disputa que aínda hoxe está viva entre os dous países lindeiros.

Hai quen fala dunha Galicia irredenta con alicerces na antiga Gallaecia romana, constatando como algúns dos nosos veciños asturianos, bercianos ou sanabreses se decantan lingüística e culturalmente pola nosa terra.

Sexa como for, a inmobilidade é un concepto relativo, todo muda. Sempre haberá cambios, mentres o noso planeta Terra xira e xira arredor do Sol, polo que non sabemos en que lugar do universo nos atopamos, salvo se nos miramos desde o noso embigo.

*Luis Manuel García Mañá es Académico correspondente da Real Academia Galega

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos

A fronteira galego-portuguesa