Votacións, muros e indivisibilidade

Lourenzo Fernández Prieto< / span> MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

11 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo votouse en Cataluña dun xeito pouco ortodoxo: consulta cívica, inquerito presencial, simulacro de referendo..., en vez dunha votación regrada. Non ten valor, pero ten mérito. Foi o único camiño para os que querían votar. Non abondou que o pedise o 80 % do Parlamento catalán nin o exemplo escocés. En España, onde a demoscopia -a oficial do CIS ou a das empresas que traballan para medios e partidos- fai tremer ás estruturas e tomar decisións de futuro, votar para conformar a vontade xeral -ese invento da democracia representativa- estase a facer difícil. Non me refiro só ao referendo catalán ou ao que intentan facer os canarios sobre a explotación de petróleo off-shore. Tamén ao que chaman (como hai cento dez anos) rexeneración do sistema político. O liberalismo ten un antigo método para isto: convocar eleccións, debater propostas e mudar aos gobernantes. Por que non se convocan eleccións en España hoxe e, o que é peor, por que ninguén o solicita? Si, si, xa o sabemos... pero deberiamos reflexionar sobre o seu fondo significado.

A española é a única Constitución do mundo que afirma «...a indisoluble unidade da Nación española, patria común e indivisible de todos?». Ambos principios literalmente significan: non pode disolverse en auga e non pode ser sometido á tal operación aritmética. Nun texto constitucional son unha metáfora política que debe ser interpretada e sobre todo contextualizada. A razón de por que están nesta Constitución e non noutras é doada de deducir. O asunto carece de misterio. Pero o que foi necesario en 1978 non ten porque selo hoxe en día. De feito ambas metáforas nin sequera teñen o mesmo significado que daquela. A consulta catalá cadrou co 25.º aniversario da caída do Muro de Berlín, que marca a fin da guerra fría (1947) e tamén do ciclo iniciado coa revolución rusa (1917). Máis democracia era a demanda social e máis democracia foi o resultado. Aínda que sempre hai nostálxicos do mundo anterior, nin o máis rezagado romántico se atreve a defender que era mellor que houbese muro.

Ollemos á América máis nosa. Nos tempos da guerra fría as experiencias democráticas de Ecuador, Bolivia ou Brasil, por non falar da andrómena chavista, eran simplemente imposibles. Os golpes de Estado inducidos acabaron co Chile de Allende ou coa sólida democracia uruguaia. O cambio do mundo vese no tránsito salvadoreño dende a ofensiva de 1989 ao triunfo electoral dos herdeiros da fronte guerrilleira alcumada co nome do comunista Farabundo Martí. Da proposta política armada e regada de cadáveres, contra ditaduras eternas, pasouse a máis democracia. Tamén aquí temos que incorporar esa lóxica de máis democracia post-1989, sobardando a estéril idea de que xa a trouxeron toda na Transición. A realidade obriga a repensar a democracia e a súa materialización, especialmente en termos territoriais. O nacionalismo español non só segue atufando a franquismo senón que se comporta como se seguise a guerra fría. O asunto catalán está aberto como aquela fenda do Muro de Berlín e cada día abrirase máis. Non ten solución non democrática. A non ser que vexamos a Barcelona como Espartero en 1842 ou como vía Breznev á Praga de 1968. Nestes tempos todo pode empezar a ser.