Carta aberta a Pilar García Negro


Benquerida Pilar, tiven a oportunidade de compartir tertulia de Vía V contigo, eu na miña primeira experiencia nun ámbito destas características e ti moito máis experta nestas lides, dende logo. Primeiramente, un sinte un pracer enorme de poder compartir programa coa que foi a primeira muller nacionalista na historia do Parlamento galego, pois como fito histórico que é, Galiza enteira deberá ser agradecida polo teu benquerer á nosa terra e, por suposto, á nosa lingua.

Agora ben, a un non lle deixa de sorprender que o inequívoco discurso do BNG siga tantos anos despois sendo o mesmo, e que non se vexa alicerce ningún dunha evolución. Cando falo, non o fago por facer, e se nomeo Nunca Máis para pór o exemplo das desventuras do Bloque, non o fago en vano.

Agradezo sinceramente o teu convite a ler ao gran Castelao, e pásoche de novo a luva para que fagas unha relectura dos resultados do BNG nas distintas eleccións galegas dende antes de Nunca Máis ata agora, e á par, que fagas tamén a lectura das análises feitas polo propio BNG tras acadar os respectivos resultados.

Se falo de que Podemos é innovador, dígoo dende o coñecemento de estarmos a facer algo xenuinamente novo, que é respectar ao cento por cento aos distintos movementos sociais e a esa maioría social que se percatou xa hai un tempo, que ou rachábamos co de sempre e cos de sempre, ou non iriamos a ningures. Xenuinamente novo, porque non pretendemos apoderarnos da causa concreta, simplemente apoiamos a mesma coa nosa presenza e axuda. Dende logo, Xosé Manuel Carril non merece que alguén saque o seu nome á palestra dun xeito electoralista, cando a xente sabe que colaborou activamente no caso de Aurelia, mais o que tamén sabe a xente e pareces descoñecer ti, querida Pilar, é que leva habendo desafiuzamentos moitos anos e só grazas a Stop Desafiuzamentos ou ás distintas PAH se comezou a trocar a problemática individual por protesta colectiva. E isto é algo que os distintos partidos tradicionais nunca souberon entender, cada un nos seus ámbitos.

Pedir que a mocidade confíe nas «nosas» forzas é non entender tampouco a creación de Podemos, se ben é certo que o xermolo puido saír de Madrid, non é menos certo que o manifesto Mover Ficha foi asinado por centos de persoas de todo o Estado, e tampouco é menos certo e creo que chegarás á mesma conclusión canda min, que a xente que en cada vila ou cidade entende que Podemos ten que ser a súa referencia e decide dar o paso de falar con máis xente e finalmente decide organizar un Círculo novo, é tan xenuinamente galega como calquera persoa que estea no BNG, e incluso esta persoa á súa vez é tamén tan xenuinamente galega coma unha do PP.

O feito de que o Bloque precise insistentemente diferenciarse do resto por mor de ser máis galego que os demais, deixa ás claras que a peor erudición da UPG segue a gobernar os pasos dun partido tradicional que algún día chegou a ser unha verdadeira fronte popular, mais iso, querida Pilar, xa quedou alá polo 1997, co liderado dun tal Xosé Manuel Beiras...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
57 votos

Carta aberta a Pilar García Negro