Delincuentes informados

Marina Mayoral< / span> PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

29 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O rapto e as agresións sexuais a varias nenas na Cidade Lineal de Madrid espertou, ademais de grande inquietude social, un grande interese mediático. Ás dificultades para identificar o agresor únense agora as de encontrar probas que o incriminen con seguridade, xa que se trata dunha persoa que coñece os procedementos policiais de investigación e iso lle permitiu ocultalas. Probablemente o cine lle axudou.

No ano 2000 empezou a emitirse en Estados Unidos un programa televisivo que pronto alcanzou éxito mundial: CSI, Crime Scene Investigation, onde un grupo de científicos forenses descobre crimes, aplicando os seus coñecementos á investigación policial.

Nunha ocasión comentaba eu o interese destas series, e a miña amiga xuíza dixo con cara de resignación: «Aos delincuentes tamén lles interesa moito, e resúltalles moi proveitosa». As cabichas desapareceron da escena do crime, e non porque os criminais deixasen de fumar.

E con elas, todo o que poida conter restos de ADN. O suposto pederasta de Cidade Lineal bañaba as súas vítimas para facelos desaparecer. A policía está desfacendo, literalmente, a súa casa, para intentar atopar probas.

O como e onde encontra a policía as probas incriminatorias debería formar parte do segredo do sumario e debería prohibirse a súa divulgación. É a única forma de que esa información non chegue tamén a futuros delincuentes.