O día despois

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

28 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O referéndum sobre a posible independencia de Escocia pilloume en Bruxelas. Resultou moi interesante observar as reaccións dos medios políticos e de comunicación na capital europea, que tamén é a capital dos belgas, co vello conflito entre as comunidades flamenga e valona, e mesmo ter oportunidade de discutir as posturas, incluidos os matices, que en moitos casos vén ser o máis revelador.

As enquisas previas daban prácticamente empate técnico, e todas salientaban o valor significativo dos indecisos, ese segmento de voto que non se pronunciaba (o que non quere dicir que non tivese tomada unha decisión) e que, no caso escocés, incluía unha porcentaxe importante de inmigrantes, poboación non nativa, aínda que con dereito a voto, cousa que non lles concederon aos escoceses residentes no exterior, por certo.

En calquera caso, o resultado tampouco sorprendeu a ninguén. Dun xeito ou doutro era previsible. Os comentarios da prensa belga, da prensa francesa e, en xeral, da prensa que poderiamos situar dentro do sistema, viñan dar todos na mesma: por unha banda alivio. Cerrábase unha crise que ameazaba con desestabilizar o modelo, con connotacións de diferente intensidade dende Cataluña á Padania, Frandes, Córcega ou Euskadi.

Por outra banda, e non é unha cuestión menor, consciencia dunha realidade obxectiva. O resultado (con case un 45 % de voto afirmativo e un 85 % de participación) deixa aberta unha cuestión que en certa maneira seica os británicos seica intentenrán abordar agora: o papel das identidades nacionais na configuración xeral de Europa, nacións sen Estado, que non queren renunciar á existencia diferenciada, con capacidade de autogoberno, no marco supranacional.

Non é só unha cuestión económica, coma unha gran parte dos comentaristas quixeron subliñar nos primeiros momentos, e como teiman en salientar a meirande parte dos comentaristas españois respecto do caso catalán (aínda que haxa tamén connotacións económicas); é unha cuestión bastante máis de fondo con significacións emocionais e simbólicas (a existencia desas mesmas realidades) que non son tan doadas de medir, pero que teñen unha repercusión social obxectiva. ¿Invencions interesadas? As cousas son segundo se perciben e, sobre todo, segundo as perciben os interesados.

Os escoceses, coma moitos cataláns, como algún galegos, reivindican o exercicio a decidir por si mesmos, sen intereses interpostos, liña directa coas institucións onde se toman decisións cada vez máis determinantes para o seu presente e o seu futuro (a UE) e nas que delegan parte da soberanía.

O compoñente simbólico e emocional é moi importante. O recoñecemento dos valores identitarios e de cultura no son (non deben ser) realidades marxinais ou folclóricas diante das cales mellor cerrar os ollos ou virar a vista cara a outro lado, coma disque fai o avestruz. Están ai. Malia os resultados e as porcentaxes (45 % dos votantes) seguen vivas. ¿Qué modelo de Europa queremos? Ese segue sendo o debate, mesmo para construir unha EU máis coesionada e con maior capacidade operativa.