Autoestradas desunidas

Xavier Alcalá< / span> A VOO DE TECLA

OPINIÓN

18 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Xusto antes do «baleiro de agosto», o director de Redes Emerxentes da Comisión Europea, Mário Campolargo, visitou a Universidade da Coruña. A seguir houbo retribución de visita da UDC a Aveiro, terra de Campolargo. El viaxara desde Bruxelas á Gallaecia en coche; a viaxe da Coruña a Aveiro produciuse da mesma maneira. Entre conversas de traballo xurdiron anécdotas sobre autoestradas de pago ao longo de Francia, España e Portugal.

Os intervenientes nos encontros da Coruña e Aveiro foron profesionais das TIC. Falouse de «territorios intelixentes» e da «interrede das cousas» dentro do programa Horizonte 2020 da Unión Europea: camiñamos cara a un mundo de persoas e cousas sempre comunicadas por medio de sensores e a Internet. Obxectivo «vital» da UE é que calquera experimento de ligazón telemática sexa replicable en calquera zona da Europa unida. Por iso na rentrée é chocante que a Xustiza portuguesa ande atrás usuarios españois das autoestradas, maioritariamente galegos.

Imponse logo unha proposta de proxecto de innovación con base, polo menos, nas dúas bandas do Miño: o pago telemático común nas autoestradas da eurorrexión. Se non formos capaces de resolver un litixio fronteirizo entre «irmáns de ADN», malamente imos conseguir que a Unión Europea sexa efectiva do Finis Terrae á Ucraína.