Shakespeare ou a independencia

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

17 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Escocia xa pintaba maneiras cando Shakespeare escribiu Macbeth. Unha cultura non imaxina unha Lady Macbeth para que a cousa quede en papel mollado, e por iso recollen o que sementaron. De feito, o shakespearianismo sería un bo criterio para a autodeterminación: ¿protagonizou o seu pobo algunha obra de Shakespeare? Se poden responder afirmativamente, teñen dereito á soberanía nacional. Se non, pois non. Ata que un teña un Shakespeare, non ten méritos nin dereitos. Con este criterio, poden independizarse ademais Verona, a Toscana (varias veces), Exipto, Elsinor, Atenas (un par de oportunidades), Venecia, Windsor, Bretaña, Troia (onde queira que estea), o Reino das Fadas, Viena, Padua, Iliria e mesmo Londres. Non terían dereito á autodeterminación, por tanto, Córsega, Sardeña, ningunha das repúblicas postsoviéticas, Irlanda, Quebec, Gales, o Tíbet, o norte de Bolivia, Texas e Novo México, Taiwán, Corea do Sur, Burkina Fasso, Valonia e, síntoo, Cataluña.

Se Cataluña fose a illa deserta d?A tempestade, ou se o leito de Desdémona estivese en Castelldefels? ¡Nada! Nin un mísero Shakespeare que botar por diante, e logo as consecuencias son as que son: mentres Escocia ten un Alex Salmond, que no fondo descende do rei Macbeth, confrontado na reivindicación independentista a David Cameron, Cataluña ten que se conformar con Artur Mas e con Mariano Rajoy. Teatralmente falando, o seu exemplo tradicional de revolución máis próximo (español, que lle queren) é Fuenteovejuna, o de dialéctica política Peribáñez y el comendador de Ocaña, e o de intriga identitaria La villana de Getafe. Velaí as fontes literarias desta tradición política de noso. E así nos vai.