O meu fillo ten o mellor móbil

OPINIÓN

07 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Os pais son os principais responsables da educación dos fillos e resultan insubstituíbles nos aspectos formativos primarios: sentimentos, actitudes e valores. Sería ideal que tivesen unha formación específica co fin de saber educar ben, pero basta con sentido común, proximidade e cariño aos fillos, para acadar uns resultados espectaculares, sobre todo no contexto actual. Pola contra, cada día hai máis incomunicación na familia, indo cada un polo seu lado. As principais actividades son mirar a televisión, navegar por Internet, xogar coa maquiniña, enviar mensaxes... Non se fala, non se escoita e non se intercambian experiencias e opinións, pois o prioritario é termar dos aparatos. Desapareceron as tranquilas comidas familiares, que tanto contribuían á estabilidade afectiva e á formación dos rapaces.

Se a este ambiente lle sumamos unha educación excesivamente permisiva e protectora, temos o caldo de cultivo adecuado para que os fillos fagan o que lles pete, sen que ninguén se preocupe de controlalos ou de poñerlles normas, que ademais son imprescindibles para a súa adecuada maduración. Non estrañan, polo tanto, os resultados de calquera dos dous informes (2011 e 2014) do Valedor do Pobo, sobre o uso das novas tecnoloxías polos adolescentes galegos. Os pais seguen cometendo tres erros graves. O primeiro, non informarse e tomar en serio os riscos que corren os fillos ao navegar por Internet sen control, que van desde a entrada en páxinas prexudiciais ata o acoso.

O segundo é comprar ou permitir que lles compren aos rapaces teléfonos con acceso á Rede, cando aínda non están maduros para utilizalos. A liberdade non pode ser concedida sen responsabilidade e os pais deben saber cando os fillos van alcanzando esta, para aumentar progresivamente aquela. En calquera caso, non deberían dispoñer deste tipo de teléfono antes dos 13-14 anos, pois de necesitalo para comunicarse, é suficiente cun móbil sen acceso a Internet. Un terceiro erro, en fin, é non controlar o uso das tecnoloxías co fin de evitar a consulta de información non apropiada, a perda de tempo no estudo ou o illamento na familia. Un dos maiores desacertos dos pais é permitir que os fillos vexan a televisión ou accedan á Rede sos, pechados na súa habitación.

Cada vez é máis necesario dispoñer dun traballo rigoroso sobre a influencia que ten este uso das tecnoloxías no rendemento educativo. Hai avances no sentido de que está afectando á maneira de ler e de pensar. Recíbese a información aos poucos e con moita rapidez, o cal diminúe a capacidade de concentración e de reflexión, restando aptitudes aos rapaces para ler textos longos, aínda que permitíndolles realizar varias tarefas ao mesmo tempo. Se isto se confirma, no actual sistema educativo haberá unha clara dicotomía entre a vixente metodoloxía no proceso de ensino?aprendizaxe e a que realmente demanda a implantación das novas tecnoloxías.