Unha muller ao día

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

30 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

¿Por que a maior parte dos crimes domésticos non son mulleres que matan homes? ¿Elas non se fartan de homes inaturábeis? ¿Non se reviran cando se senten enganadas? ¿Non son posesivas, non teñen ciúmes, non se ven fartas de aburridísimos maridos impotentes? ¿Elas non beben, non se drogan? ¿Non hai ningunha muller por aí que goce meténdolle medo ao seu home? E por certo, ¿non hai homes que chamen ao 016 para que o Estado os protexa? ¡É de balde e non deixa pegada na factura! ¿Ningunha lle foza no móbil ao home para ver se chamou e a delatou? Son cousas tan estrañas como que a miña filla de 15 meses non leve pendentes: sempre hai alguén que me mira a min e me bota culpas de algo non escrito. Nacemos así, fáciles, dóciles e débiles desde que nos furan as orellas, e por iso sempre nos matan, pois no fondo o pecado orixinal constata que merecemos a morte. Por iso asumimos que si, que é facilísimo matar mulleres, que algo farían; que as inaturábeis sempre son elas, que elas aturan a dor, que elas son posesións que provocan o mal; que elas son as que chegan ao matrimonio a aburrirse e sufrir; que elas non beben, non agreden máis ca coa lingua bífida, que elas non saben meter medo, que elas só saben enredar, e pouco máis. As mulleres, en fin, coma a súa chamada ao 016, non deixan pegada, e por iso non pasa nada por matar unha ao día. Non provoca moreas de indignados, nin un vídeo de Pablo Iglesias, nin unha manifestación de Murcia enteira coma se fose o seu equipo. E quizais por iso, si, sempre nos matan a nós.