Crónica de Buenos Aires

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

24 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

I nverno porteño con 27 graos a primeiras horas da tarde. Unha loucura nesta época do ano. As rúas están tomadas. Os bares, equipados con enormes pantallas de televisión, venderon todas as localidades. As carnicerías de barrio, as farmacias, os quioscos de prensa, as tendas de electrodomésticos cerran dúas e tres horas antes do partido, e as cadeas (públicas e privadas) non emiten practicamente outra programación, con conexións directas dende o campo de batalla: xoga o San Lorenzo de Almagro co Nacional de Paraguai a final da Copa Libertadores, acontecemento que os medios de comunicación cualifican de histórico.

Na marea da pasada semana describín a situación do país coma quen vive dentro dunha centrifugadora. Non se me ocorre outra imaxe. Cada día unha freada e cada día un acelerón. A presidenta (ás veces acompañada do seu ministro de Economía) sae todos os días a arengar aos arxentinos chamando á resistencia contra o inimigo exterior e interior: os voitres. Hai voitres fóra (os bancos, as corporacións transnacionais, o xuíz Griesa) e hai voitres dentro, todos os cómplices, que contribúen a desestabilizar os mercados, especular cos subministros básicos, apupar o desemprego... A cotización do dólar ou do euro no mercado negro (que en realidade é un mercado público, pois ten oficinas de cambio en todas as beirarrúas da cidade) anda ata oito e nove puntos por riba da cotización oficial, e a inflación nos últimos seis meses está a piques de acadar o 40 %. Calquera contrato inclúe obrigatoriamente unha cláusula na que se advirte que a súa vixencia non vai máis alá das 24 horas. Pasado ese tempo hai que volver negociar. ¿Pódese vivir nesta vertixe? Seguramente.

A economía e a inseguridade son os dous grandes temas de referencia. Dende primeiras horas desta mañá retransmiten en directo por todos os canais de televisións o desaloxo dunha «villa miseria», logo de que o día anterior se producise o asasinato dunha rapaciña de 14 anos. A crónica de sucesos locais abre practicamente todos os días os informativos, entrefebrada con noticias de corrupción política (o caso Amado Boudou é tal vez o máis notorio). «Todo mudará co novo goberno», insisten mesmo os seus partidarios. Ninguén acerta a dicir, non obstante, que pode suceder nos próximos doce meses ata as eleccións.

Mais esta noite as rúas están tomadas pola inchada do San Lorenzo. As procesións de seareiros que se dirixen ao vello campo do Gasómetro levan enormes pancartas, estandartes e representacións do papa Francisco, que é deste barrio de Boedo, seareiro declarado do equipo local. Piden un milagre, sen disimulo ningún. A vitoria foi un delirio. Xogadores e directivos viaxaron urxentemente ao Vaticano para ofrecer o trofeo. «Non foi tal», seica intentou calmalos o pontífice. «Os partidos gáñanse con organización e traballo, non con milagres, igual que se saca adiante unha nación». Pero a inchada segue na rúa. Aquí todos están convencidos de que Deus é arxentino, «e que ten a oficina central en Buenos Aires», tamén para desatrancar o país.