Das Augasantas ás Catedrais e Porcillán

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto O MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

22 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

As noticias de agosto na archifamosa praia das Catedrais xa se converteron no monstro do Lago Ness galego. A serpe de verán. Unha delas, xunto cos embotellamentos de vehículos na AP-9, as desagradables sorpresas da A-8, os problemas dos avións, as festas, festiñas e festóns... As Catedrais veñen levándose a palma na última década como fonte de noticias máis aquelada do verán galego por moito que a nosa jet set fique moito máis ao sur, nesas Rías Baixas que dende hai case cen anos son a cerna do veraneo, a navegación deportiva e a crema solar. Un ano é o sorpresivo número de visitantes, outro as pedras que caen, os cheiros, sempre o alcalde de Ribadeo falando de que así non se pode seguir sen ninguén que lle dea réplica na Xunta nin na Demarcación de Costas. Este ano a nova moda das pintadas e dos milladoiros feitos con xógaras (que é como se chama nesa terra aos coios do mar) nunha estraña copia dos renovados hábitos dos pelegríns nos camiños de Santiago.

O asunto das pintadas, novo, novo, non é. Todos os grafiteiros do mundo subliman a pintada de Lord Byron no templo de Poseidón na Ática, pero moito antes os gregos pintaran nas caras do templo de Abu Simbel, os romanos nos Colosos de Memnon e os soldados de Napoleón nas Pirámides. Ingleses, holandeses e alemáns levan pintando dende antes de inventaren o turismo. Sempre o mesmo desexo -colonial, imperial- de singularizar a conquista. Dende que existe o turismo de masas, nos parvularios explícase que isto non pode facerse pero sempre hai alguén disposto a ser Lord Byron de palleiro nas Augasantas. Tal é o nome dese marabilloso paraxe que chaman agora As Catedrais. O nome de cando non o descubriran aínda os fotógrafos, nin o visitaban dez mil turistas ao día nas boas mareas de agosto. De cando xa estaban alí os ollos que é como aquí chaman aos bufadeiros, os pregamentos bozando de sur a norte e os seis arcos -algún de trinta metros- feitos pola erosión diferencial nas lousas e nas cuarcitas paleozoicas, alí onde a rasa cuaternaria se converte en cantil.

O pasado 13 de agosto, día dunha das mellores mareas do ano, a noticia non estaba porén na xeoloxía das Catedrais, senón en Porcillán, o vello porto de Ribadeo convertido hoxe en porto deportivo. Alí, arredor dun dos mellores restaurantes da zona, xuntáronse tantos escoltas de gafas escuras con fundas nos cintos, preto de catro cochazos «camuflados» e polos altos que rodean o porto, que correu a voz de que o mesmo rei estaba a degustar o noso marisco. Quen por alí andabamos acreditamos de vez, ata apareceu a garda civil, a policía municipal e o sempre disposto e acolledor alcalde. Pois non. Estaban a xantar un coñecido empresario e o presidente do Club Joven del Partido Popular de Aravaca, un rapazolo membro de FAES que seica enlaza ao Goberno coa Casa Real. Ninguén dos que tal viron poderán acreditar que os retallos a prol da austeridade están a repartirse entre todos. Nesta terra, onde ás pedras chámanlles xógaras, ás Catedrais dinlles As Augasantas e aos bufadeiros ollos, son raros pero non tanto como para non escandalizarse do que alí se viu. Só queda unha dúbida ¿o xantar pagariámosllelo tamén nós?