Filgueira e as artes galegas


Filgueira é un dos iniciadores da literatura infantil en galego. Foi pena que non cultivase máis a creación literaria, para a que tiña boa man, como amosou nas prosas Os nenos (1925), O Vigairo (1927), Agromar (1936) e cantas despois se recolleron en Quintana viva (1971) e por suposto na poesía trobadoresca in modo antico. Foi un dos lanzadores da lírica medieval. A súa tese de doutoramento La Cantiga CIII. Noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval (1935) é tese pioneira de literatura comparada. Ingresou en 1941 na RAG con Da épica na Galicia medieval. En 1949 apareceu o seu traballo Lírica medieval gallega y portuguesa dentro da obra Historia general de las literaturas hispánicas. En 1976 publicou Sobre lírica medieval gallega y sus perduraciones. A estes traballos seguiron moitos outros, que, en parte, están recollidos en 1992 no libro Estudios sobre lírica medieval. No eido da música, traballou sobre os músicos do Pórtico da Gloria, os cantos e narracións do Camiño Francés, ordenou e publicou en 1942 o Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro que exhuma melodías do século XIX; estimulou a edición do perdido Cancioneiro de Torner-Bal y Gay e a edición do Cancioneiro popular galego (1984-1995) de Schubarth-Santamarina. O folk galego debe un gran concerto a Filgueira. Nos anos nos que foi Director do Instituto de Pontevedra, o coro daquel Centro deu concertos por toda España. E sendo alcalde organizou os Festivais de Música Gallega en Pontevedra en colaboración con Fernández Cid, nos que os grandes compositores españois (Guridi, Esplá, Halfter, Iglesias, Abril, Castillo, Arámbarri, Mompou, Leoz, Argenta, Toldrá, Rodrigo...) puxeron música a poemas de Rosalía, Curros, Eladio Rodríguez, Cabanillas, Leiras, Celso Emilio e outros. Aínda se lembra en Pontevedra, cando en xullo de 1961 no momento en que a soprano Teresa Tourné con Carmen Díaz Martín ó piano empezou a interpreta-la peza Mariñeiros inesperadamente dende o alto da platea o coro do Instituto rompeu a acompañala cunha harmonización a catro voces. A reedición dixital de todo isto será a xoia do ano 2015. No eido do patrimonio Filgueira, sabio práctico, puxo a base da Pontevedra humanizada actual, paralizando a desfeita e facendo el mesmo severas inspeccións nocturnas. E o Museo é hoxe o templo da historia de Galicia, dende o paleolítico de Arbo ata a máis moderna pintura actual, cun arquivo estratéxico. Filgueira non foi o superespecialista dun microtema senón o sabio de moitos temas galegos. A súa prodixiosa memoria permitíalle situar calquera feito en relación multidisciplinar: alumnas del lembran que situaba sempre un feito literario en sintonía co que nese momento facían pintores, escultores, arquitectos e músicos; e que unha clase del resultaba luminosa e difícil de esquecer: algunhas contan que na Universidade, en literatura, viviron de Filgueira; e algunha, mesmo nunha oposición a cátedras.

Votación
10 votos

Filgueira e as artes galegas