Predicir o futuro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

10 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Seica na vila de Bertamiráns, concello de Ames, por primeira vez na historia non haberá festas da Peregrina, que son hoxe, segundo domingo de agosto. Está prevista a procesión relixiosa e os gaiteiros, pero o que aquí chaman a Festa do Campo, romaría, orquestras e atraccións varias, nada. A crise radicalizou algúns problemas de organización e alá van os foguetes, o vermú e as músicas. Cadet Roma, cadet Mundus, dicían os clásicos, que anunciaban desa maneira o final dos tempos, identificados coa caída da capital do Imperio. Non digo eu que vaia ser o mesmo, pero a suspensión das festas laicas (civís) de Bertamiráns dá para unha pensada.

Pasoume hai anos coa camelia centenaria que tiña na casa e da que teño falado máis dunha vez nestas mareas. Alá contra o 2009, seguindo instrucións de técnicos arrichados, aparentemente moi estudados, mais sen facer caso dos consellos dos vellos do lugar, pegueille tal chapoda á árbore, na procura do que se denomina nestes casos un shock de rexuvenecemento, que infarteina: a pobre non deu reaccionado, apenas lle deixei follas para respirar, e foise. Tampouco é a primeira vez que poño esta experiencia de exemplo do que se vén aplicando en economía: ou deixamos un respiro e inxectamos recursos no sistema ou, con tanto retallo e tanta austeridade (non para todos, por certo), acabaremos coa camelia. Ben sei que algúns amigos non comparten este discurso e teiman na estratexia de seguir aplicando o cilicio. Verémonos todos no inferno.

Entre as lecturas de verán que ando a recuperar estes días, dei na biblioteca cun libro breve de ensaios, publicado por primeira vez en 1993 na Universidade de Cambridge e editado no ano seguinte en Alianza Universidad (Madrid), no que un grupo de expertos de diversas disciplinas, dende o físico e matemático Stephen Hawking, coñecido popularmente pola súa Historia do tempo, ao historiador Simon Schaffer, o filósofo das relixións Don Cupitt ou o profesor de economía Frank Hahn, reflexionan sobre distintas metodoloxías para Predicir o futuro. Así se titula o pequeno volume (breve pero intenso).

¿Que vai ser de nós nos próximos tempos? Esta preocupación, que nunca estivo tan viva entre os analistas, pode contemplarse dende diferentes perspectivas: dende o horizonte de varios millóns de anos para o futuro do universo ata os ciclos máis ou menos previsibles da economía e a política doméstica. Para as ciencias sociais a cuestión é difícil, e así o recoñecen todos, porque o ser humano non avanza en liña recta, nin sempre responde a parámetros de estimación exacta. Afortunadamente, digo eu. Mais observo que na física, na matemática, na bioloxía e na medicina tampouco, xa non digamos na filosofía ou na teoloxía. E acabei confiando nun dito que me recordaba hai pouco o amigo Barreiro Rivas, que seica gustaba de repetir un seu veciño de Forcarei: «¿A fin do mundo? Está escrita: cando coincidan no mesmo día o Corpus e San Xoán». Ou cando deixen de celebrarse as festas da Peregrina. Por non falar da resurrección (imposible) da camelia.