Filgueira, ¿«damnatio memoriae»?


No Altes Museum de Berlín hai un cadro redondo (Tondo severiano) no que Caracala fixo borra-la imaxe do seu irmán Xeta como tamén o borrou das moedas, do arco do Foro Romano e prohibiu a súa lembranza: foi a damnatio memoriae, «a condena da lembranza», a morte definitiva porque o que non se nomea non existe. Cando eu estudaba teoloxía en Compostela, ensináronme O Inferno, un armario que había na biblioteca, pechado con chave e con rede de aramio, que contiña o que estaba no Índice de libros prohibidos. Disque para ler aqueles libros só daba permiso o arcebispo a persoas capaces de refutalos. Seguramente aínda xacen alí Descartes, Ockham, Hobbes, Hegel, Darwin, Marx, Copérnico, Galileo, Boccaccio, Maquiavelo, Erasmo, La Fontaine, Rousseau, Voltaire, Zola, Balzac, Victor Hugo... en fin, toda a froita prohibida. O caso é que o progreso da Humanidade depende en boa medida do que non se debía ler.

A Academia promociona para o 2015 a lectura de Filgueira: iso é o Día das Letras Galegas. Só iso. Pero algúns grupos chaman a boicotear esa lectura e condenan politicamente a memoria de Filgueira. ¿Fundamentos? Disques e seicas graves. ¿Probas? De momento, ningunha. E paréceme xudicialmente arriscado. Se aparecen probas incontestables, poderei cambiar de opinión pero, de momento, ninguén deu a primeira.

Sexamos serios: Filgueira traballou tanto por Galicia en ditadura que non tivo tempo de ser franquista. E en democracia entre os que lanzan a consigna de non ler a Filgueira non vexo quen construíse algo equiparable. ¿Por que molesta tanto Filgueira? Supoño que molesta porque a súa obra, numerosa e multidisciplinar, como poucas no século XX, contradí o discurso tópico de que só hai galeguismo na esquerda nacionalista. Extra Ecclesiam nulla salus -dicía a Inquisición: «Non hai salvación fóra da Igrexa». Se é así, ese discurso expulsa da galeguidade dous terzos da poboación galega, a maior parte dos galegofalantes espontáneos (é dicir, a vida da lingua) e, a máis, deixan sen obxectivo real a normalización. Propoñen que a lingua e a cultura galega sexan expresión dunha minoría politicamente marcada (é dicir, o sociolecto dun gheto) e renuncian a que sexa a cultura de todos (é dicir, unha lingua común e neutra).

Non condenan un artigo ou un libro de Filgueira, senón, polo que parece, a obra enteira. Franco, polo menos, en 1964 permitiunos ler unha Escolma posible de Castelao. Nunca pensei que xente lectora e escritora reinventaría o Inferno, que é medo á diferenza. A auga da fonte é auga; pero a auga do mar tamén é auga viva. A consigna de boicotea-la lectura de Filgueira parece medo a unha prosa que engaiola por ser documentada, tolerante, galeguizadora e, por riba, transparente. Consigna irrealizable, porque falamos dunha obra grande, polifacética e na que el deu xogo a moita xente. Consigna impropia do galeguismo, da democracia, da Internet.

O progreso de Galicia depende tamén de que leámo-lo Filgueira que nos prohiben. Eu non lin todo canto Filgueira escribiu pero o que lin incítame a ler máis, a saber máis do noso pobo e da nosa cultura, porque, como el quería, aumenta a miña ciencia e conciencia de Galicia. E seguro que me animará a traballar máis por esta cultura que nos define no mundo.

Filgueira era un home de barro coma todos e o 17 de maio non é unha canonización. O debate intenso que provoca este home de barro será catártico e espero que os milleiros de escritos e iniciativas de Filgueira farán o milagre de reunirnos a todos o 17 de maio do 2015 enchendo Galicia de luz. Ducias de milleiros de estudantes faranlle o electrocardiograma á Galicia multimilenaria no Museo de Pontevedra; escoitarán os versos de Cabanillas que Filgueira, coa axuda de Fernández Cid, trouxo a Pontevedra con música de Ataúlfo Argenta; lerán unha selección dos Adrais e de hoxe nun ano Galicia terá máis ciencia e conciencia de si: será máis aberta, plural, grande. Vento que Filgueira nos cambiará un pouco a todos, que nos achegará.

Xesús Ferro Ruibal é membro da Real Academia Galega.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos

Filgueira, ¿«damnatio memoriae»?