Literatura e política

OPINIÓN

29 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Política. O profesor Filgueira Valverde foi alcalde designado de Pontevedra durante o franquismo. Obxectivamente iso é ser franquista. Pero católico conservador, non falanxista. Quen non distingue, erra, que din os escolásticos. En todo caso, un franquista devido a demócrata como Ruiz-Gimenez, Laín Entralgo, López Aranguren, e tantos outros, algún deles con importantes servizos á democracia e mesmo á ética política.

Acúsase a Filgueira de non ter acudido como testemuña ao consello de guerra contra Alexandre Bóveda en agosto de 1936. Dende logo iso é o que se dixo sempre en Pontevedra. Ademais, Xerardo Álvarez Gallego, cuñado de Bóveda, afírmao no seu apaixonado, pero tamén documentado libro. É plausible. Pero dúas consideracións. A primeira, Bóveda estaba condenado de antemán na pantomima do xuízo. Todos os que estiveron no Goberno Civil organizando a defensa da República os días 18 e 19 de xullo foron asasinados nas semanas seguintes. A segunda. É apodíctico que Filgueira, amigo de Bóveda, non quería a morte do seu amigo. Tivo un medo invencible? É posible cando hai ducias e ducias de asasinatos ao teu redor.

Pero Filgueira ten un haber político, alén da guerra, na política cultural e educativa. A creación do Museo de Pontevedra; a creación dun instituto de Ensino Medio, no que soubo establecer un espazo de convivencia e liberdade no espírito, aínda que resulte sorprendente lelo, da Institución Libre de Enseñanza; iso si, catoliquizada, onde o deporte, as actividades ao aire libre, o teatro, as viaxes, o coro, e tamén a confraría, xogaban un papel importantísimo. Inesquecible instituto. No haber político de Filgueira debe figurar sobre todo, a conservación da Pontevedra creada no século XVI polos mareantes, e nos seguintes séculos polos ilustrados e os románticos. Esa Pontevedra non foi destruída porque no momento do desarrollismo e do mal gusto, dos anos cincuenta e sesenta do pasado século, aí estaba Filgueira, e outro ilustre pontevedrés, F. J. Sánchez Cantón, que dende a Comisión de Monumentos impediron que se tocase unha soa tella do amplo casco vello. A marabilla que é hoxe Pontevedra, débese a isto esencialmente, sen negar o gran mérito do alcalde Lores, e os seus gobernos.

Literatura. Filgueira Valverde non só é un erudito e un polígrafo, con centos de publicacións e setecentas corenta conferencias recollidas, sobre aspectos esenciais da nosa cultura e da cultura universal. É un escritor moi notable, con obras tan fermosas como Seis cantigas de amor ?in modo antico?. Poemas galegos, publicada en 1941, anos antes de que Celso Emilio ou Cunqueiro volvesen a publicar na nosa lingua e sobre todo os nove Adrais, publicados por Isaac Díaz Pardo. Como di o académico Xosé Luís Axeitos, nos Adrais está todo. Teñen a bondade de estar escritos nunha lingua que ten esa difícil virtude, que só logran os grandes escritores, de culta e popular ao mesmo tempo. Na miña opinión, na literatura escrita en lingua galega Filgueira ocupa un lugar máis notable que bastantes dos homenaxeados ata o de agora.

Literatura e política. A literatura en lingua castelá non pode esquecer a Torrente, autor de obras mestras que tanto nos tocan aos galegos, e aos pontevedreses en particular, pola súa militancia falanxista.

Debemos revisar a concesión a Vicente Risco en 1981 do Día das Letras Galegas, pola súa deriva cara á estrema dereita, racista e antisemita, e o seu compromiso inicial co levantamento militar-clerical?; ou a do para min maior escritor na nosa lingua no século XX, Álvaro Cunqueiro, no ano 91, por ter sido un dos fundadores de revistas falanxistas e autor partícipe na Corona de sonetos para José Antonio Primo de Rivera.

Debe Pablo Neruda ser mandado ao ostracismo por ter escrito a Oda a Stalin?

Ben sei que non todo o mundo comparte que deba prevalecer a boa literatura sobre a mala política, que é o que eu penso, sobre todo pasado un tempo. Quizais dez anos sexa pouco e a Academia podería plantexarse esixir vinte anos dende o pasamento dos candidatos.

En todo caso, Filgueira reúne méritos literarios e de defensa da lingua galega suficientes para ser homenaxeado polo Día das Letras.

A modo de coda non musical: a tímida defensa que a dirección da RAG fixo ata agora da designación de Filgueira, entoando un pouco gallardo «eu non fun», debería ser corrixida por ben da institución e da lingua galega.

Francisco Cerviño González é académico correspondente da Real Academia Galega