Protexer os animais

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

18 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Pídenme persoas implicadas na defensa de animais que rectifique un artigo pouco afortunado da semana pasada. Como as desculpas serven de pouco cando as opinións, mesmo sen querer, faltan, creo que a mellor compensación aos meus ofendidos lectores é dar visibilidade neste espazo á causa dos animais, que só se le na prensa desde o anecdótico, malia preocupar a tantos.

Nestes días, despois de saber que en España abandonan ao ano a 120.000 cans e gatos, o Goberno elabora un proxecto de lei que regule a súa tenza e compravenda. Salientouse a vontade de prohibir a exhibición de ditos animais co fin de evitar a súa compra compulsiva e compasiva, cousa que xa está lexislada en varias comunidades, pero tamén se fala de rematar coa separación de nais e cachorros, e, sobre todo, procúrase unha acción decidida contra a execución de animais, sobre todo galgos, unha das prácticas máis desprezábeis deste país tan dado ao sacrificio gratuíto de animais. É un avance que, ademais, nos obriga a reflexionar sobre a frivolidade desta sociedade que consume animais coma se fosen obxectos, e que pon o foco no feito de que se merquen animais ao tempo que se sacrifican (e non precisamente con fins eutanásicos). Pero tal como está proxectado o borrador, a lei é cativa. Primeiro, porque, nun país onde é festa nacional a matanza de touros, a lei só fala de cans e gatos, coma se, ademais, non houbese que atender aos demais animais. Segundo, porque seguramente non abonda cunha lei específica, senón con accións para un verdadeiro cambio sociocultural que nos faga máis respectuosos e sensibles coas necesidades dos animais e as cousas boas que aportan.