Filgueira e o pasado incómodo


A escolla de Filgueira polo plenario da RAG para o vindeiro Día das Letras colleume escribindo a introdución dun libro sobre golpe, guerra e ditadura que preparamos no noso grupo de investigación. Reúne traballos de 15 colegas sobre golpe de Estado, persecucións e matanzas, soldados obrigados a ir á guerra, fascismo nas políticas agrarias, construción do poder local na ditadura, resistencias, consensos e outros asuntos. Detrás está a lectura de 400.000 folios de procesos militares, denuncias duns e axudas doutros na terra na que os golpistas mataron unhas 5.000 persoas en poucos meses. Queremos mudar o relato herdado do pasado incómodo, construído na transición sobre a vontade de reconciliación e o desexo de mirar para diante, que agocha o que a historiografía indagou e coñece. Un relato bloqueado no franquismo e o antifranquismo, que exclúe aos verdugos e ao fascismo, pero que segue servindo para reproducir disputas sobre o pasado de escasa utilidade. Na democracia apenas houbo políticas da memoria, pero si moita política coa memoria e aí seguimos. Usando o pasado incómodo dos anos trinta como metáfora na política actual. Inutilmente.

A Historia fana homes e mulleres e aquí topamos con Filgueira e as Letras. Propuxérono tres historiadores e un historiador da ciencia. Isto xa dá unha pista de que falamos de pasado cancelado e non só porque teña que levar 10 anos finado. O seu último cargo político foi conselleiro para a Cultura con Albor, antes alcalde de Pontevedra na ditadura (1959-1968), que despois de se consolidar quería desenrolar a economía para seguir asentándose e que colocou daquela a celulosa en Lourizán. Antes do golpe de 1936 fora un nacionalista católico do Partido Galeguista, que fundou a Dereita Galeguista cando aquel pactou coa Fronte Popular. Do seu papel cando as matanzas do golpe e o asasinato de Bóveda xa falou atinadamente García Bóveda. Colaborou coa ditadura franquista, pero non é por iso nin contra iso que a Academia o propón. Senón polo Seminario, o Museo, e canto escribiu. Canto máis sabemos da guerra menos xulgamos ás persoas; canto máis dos verdugos do 36, máis se entende o seu empeño de estenderen a súa culpa aos demais. Foron menos do que nos fixeron crer durante corenta anos.

A baril reacción contraria á decisión da Academia dalgúns sectores paréceme desafortunada por varias razóns. Primeiro, porque identifica o galego e a cultura do país cunhas poucas opcións políticas que desafortunadamente non logran ser maioritarias. A grandeza do noso pasado cultural, que é o de que se trata, mídese en reis medievais, comisarios políticos, alcaldes franquistas e ministros no exilio. Segundo, porque insistir na dialéctica da guerra que foi perdida polos demócratas, a esquerda e o galeguismo, conduce a unha metáfora de derrota. Non xaora de superioridade moral como funcionou no vello antifranquismo. Terceiro, porque o asunto merece crítica sen dúbida -e Filgueira recibiraa tamén- pero a forma e as propostas lembran tanto ás estratexias resistencialistas dalgúns sectores do nacionalismo nos anos setenta e oitenta que só anuncian a marxinalidade da que tanto custou saír.

Lourenzo Fernández Prieto é catedrático de Historia Contemporánea da USC.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
35 votos

Filgueira e o pasado incómodo