Reilusionarse coa política e Europa

Álvaro Xosé López Mira

OPINIÓN

06 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

M atteo Renzi, 39 anos, produto da chamada xeración Erasmus, está suscitando unhas razoables expectativas de que a transformación de vellas e esgotadas estruturas políticas resulta posible, precisamente porque os que aínda non se decataron desta realidade son os que están instalados nelas. De aí a frescura que destila este novo líder político xa que, polo menos, el o di e convértese en voceiro de millóns de cidadáns que o pensan.

O Occidente europeo, unha das zonas do mundo con maior tradición democrática da historia e onde se plasmou un dos experimentos políticos máis exitosos da mesma -a Unión Europea-, amais de atesourar uns niveis de riqueza sen precedentes, atópase nunha conxuntura na que a xente está a reivindicar auténtica democracia, engrosa a cotío as xa nutridas ringleiras de euroescépticos e aboca a grandes sectores da súa cidadanía a vivir nunhas condicións de pobreza insólitas no continente en décadas. Nestas circunstancias, a ousadía controlada que destila o primeiro ministro italiano, plasmada no discurso que fixo o mércores diante do Parlamento Europeo no inicio da presidencia semestral da UE, está a converterse nun auténtico policy style, propio dun liderado que incrementa cada día máis a súa capacidade de influír nunha contorna política que se amplía alén das fronteiras italianas. En definitiva, ¿simboliza Renzi os aires de cambio que sopran na cidadanía máis dinámica desta vella Europa?

Polo momento, nun tempo récord e só con palabras (ata agora non logrou consumar ningunha das reformas que emprendeu no seu país), parece que o está a conseguir.

Maquiavelo indicaba que a maior fortaleza dun príncipe é o afecto da súa xente e iso mesmo consolidaba a traxectoria dun Renzi que aparenta unha responsable madurez, inundada amais por grandes doses de sentido común malia o frecuente uso de artificios mediáticos. E, como colofón, non parece que minta ou persiga obxectivos lampedusianos. Podería tratarse dun liderado racional pero destilado para aplicarse en sociedades máis abertas ca nunca.

Os riscos son evidentes; a sobreexposición mediática de líderes como Sarkozy ou Berlusconi foi fume banal e el tamén xoga a iso; tentar transcender o eixo ideolóxico esquerda-dereita expón doadamente a incorrer en contradicións; os ascensos precipitados poden tornarse en caídas aínda máis rápidas e, con todo, resulta difícil evitar pensar que acontecería se transformásemos os acartonados e partidocráticos liderados vixentes noutros máis sinceros e achegados ás persoas e os seus problemas reais, se contaxiásemos renzismo á UE, e ese pensamento deslízase axiña cara á unha anovada ilusión pola política.