Unha política moi coherente

OPINIÓN

30 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

É de común coñecemento que o actual presidente do Goberno escribiu, hai uns anos, un artigo nun xornal galego no que sintetizaba o seu pensamento político apreixándoo na frase seguinte: «A igualdade implica sempre despotismo e a desigualdade é o froito da liberdade».

Sostiña que nin a igualdade biolóxica é posible, nin a igualdade social, nin a igualdade do poder político, pois «a natureza, que é xerárquica, xera a todos os homes desiguais», engadindo que «o instinto do home é a desigualdade, que é o que ten arrequecido ao mundo e elevado o nivel de vida dos pobos». O que queira afondar nesa filosofía, atopará sen dificultade ese artigo, e tamén outro semellante do mesmo autor, na Rede.

Filosofía que explica moi ben a súa actuación política ulterior como presidente do Goberno, a súa perfecta coherencia entre teoría e práctica e as consecuencias para a nosa realidade social de hoxe e, infelizmente, do futuro. Á vista do exposto ben se comprenden os fundamentos das desigualdades que se veñen denunciando neste país, xa se trate da Cruz Vermella, de Cáritas ou de Unicef, entre outros organismos nada sospeitosos.

Semellante valedor da desigualdade non podía quedar confinado na teoría e pasouse á práctica ao acceder ao Goberno: todas as referencias estatísticas de que dispoñemos demostran que se converteu no máximo creador de desigualdades en Europa. En algo teriamos que ser os primeiros.

Erran os que pensan que o presidente é un gobernante incoherente e mentireiro: nós pensamos todo o contrario, que nada hai máis avido que a súa teoría e a súa praxe, sempre ben conxuntadas e camiñando á par, sen fendas, fuxindo do despotismo e en procura da desigualdade, porque esta é froito da liberdade. El púxonolo moi claro.