Cheira que fede

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

29 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

N o acto I de Hamlet, Marcelo dille a Horacio unha frase que, sendo célebre, os directores teiman en eliminar: «Something is rotten in the State of Denmark». Adoita traducirse como «Cheira a podre en Dinamarca», pero é demasiado literal. A miña nai ten unha palabra acaidísima para o caso: «¡Apenetra!», que, malia o gráfica que é, non vén nos dicionarios. Así que eu optaría pola expresión ben galega «Cheira que fede». A Marcelo a corrupción da nova corte danesa fedíalle que botaba para atrás.

Poucas veces se comenta, pero Hamlet é unha traxedia sobre a corrupción, e por iso adoito imaxinar a lo Shakespeare esta España de alcaldes condenados, eurodeputados especuladores e infantas presuntas. Nós tamén temos cortesáns avasalados; traidores que, de dous en dous, coma Rosencratz e Guildernsten, son quen de vender aos seus amigos; tamén temos opositores atobados agardando que o seu prínceps esperte do ensimesmamento; piratas dispostos a matar líderes; vellos fariseos disfrazados de corrente de conciencia, e unha noxenta corrupción subxacente que logrou facer tolo a quen dixese que o rei ía espido.

Pero, a diferenza dos daneses, sempre que chega un Fortimbrás disposto a pór orde, botámolo a caixas destemperadas. Pasou co exército francés que no XIX traía o progreso e a democracia, e de listos, convertemos a súa expulsión en motivo de orgullo e celebración. E pasa agora con esta crise que podía obrigarnos a ser doutro xeito, pero sempre hai un picapleitos, un tertuliano e, sobre todo, unha morea de votantes dispostos a facer que a podredume acabe con todo. En fin, que cheira que fede, e nin sequera temos un Shakespeare co que consolarnos.